O XaTcobeo escribe o seu derradeiro capítulo

martes, 2 de setembro do 2014 Redacción

Finalmente o picosatélite XaTcobeo rematou a súa misión. E fíxoo como era de agardar: desintegrándose ao entrar en contacto coa atmosfera o pasado domingo. Ás súas costas deixa dous anos e medio en órbita e a constatación do potencial de Vigo a súa contorna como centro de referencia europeo en materia de tecnoloxía aeroespacial. Nun plano máis específico, este domingo completáronse 13.623 órbitas arredor da Terra. Con todo, malia a desintegración do XaTcobeo, cómpre lembrar que aínda temos sobre as nosas cabezas outro satélite de raizame galega, o HumSat-D.
Lembrar que o XaTcobeo tivo a súa orixe no salientábel traballo despregado por un equipo de docentes e estudantes das escolas de Enxeñaría de Telecomunicación, Enxeñaría Informática e Enxeñería Industrial. Xuntos, co INTA, converteron Vigo “en pioneira no eido aeroespacial”, sinalan fontes da Universidade. De feito, a galega foi a primeira institución educativa superior en construír e lanzar un CubeSat 1U construído cos estándares da Axencia Espacial Europea.
Volvendo á conclusión da andaina do XaTcobeo formalizada este domingo, dicir que este derradeiro capítulo foi seguido en todo detalle dende a estación de control da EE de Telecomunicación, dende onde se comprobou -os últimos meses- como a súa órbita ía sendo cada vez máis baixa ata entrar na atmosfera o domingo 31 de agosto ás 14.00 hora española aproximadamente sobre Australia. Até ese intre, informa a UVigo, mantívose en contacto co equipo de enxeñeiros da Universidade enviando e recibindo datos.
Os membros do equipo valoraron a experiencia “moi positivamente”. Ao seu xuízo, o XaTcobeo foi “un picosatélite de récords”. Así, malia que a súa vida útil inicial estimábase en tres meses, aquela foise alongando até os máis de dous anos e medio, case 800 días. Foi o segundo satélite español que fixo a súa reentrada, tras a realizada en 2002 polo Minisat. O profesor Fernando Aguado explica que “o satélite vigués desintegrouse totalmente, cumprindo cos requisitos da Axencia Espacial Europea para evitar a xeración de lixo espacial, de igual xeito que o fará o Humsat-D”.
As orixes do proxecto
Segundo informa a UVigo XaTcobeo ten as súas orixes en 2007 cando a ESA puxo en marcha o proceso de selección dun grupo de cubesats europeos para incluílos posteriormente no voo inaugural da lanzadeira europea Vega. O INTA propuxo á Universidade de Vigo a realización dun proxecto conxunto, coordinado polo profesor Fernando Aguado e financiado pola empresa pública Retegal e o Plan nacional do espazo. En xuño de 2008 comezou o proceso de deseño e fabricación para en febreiro de 2012 converterse no primeiro satélite desenvolvido en Galicia. Esta colaboración co Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial é cualificada por Aguado como “moi satisfactoria, que nos permitiu facer un proxecto de calidade”.

PUBLICIDADE