O alto grao de innovación TIC, nexo común dos dez proxectos que pasan á fase final de VíaVigo

martes, 27 de xaneiro do 2015 Redacción

Xornada DemoDay da edición 2014 de VíaVigo

As novas tecnoloxías da información e o sustentábel son en boa medida os piares dos dez proxectos da aceleradora de empresas VíaVigo que pasan á fase final da súa nova edición (a segunda), unha etapa (esta recta final) na que recibirán capital e formación individualizada. Esta escolma de dez proxectos, informan os responsábeis da palestra empresarial galega (Zona Franca de Vigo, GAIN e Xes Galicia), é o resultado dun programa formativo (academia) e dun proceso de selección de iniciativas finais na que participaron case unha vintena de propostas. Os dez proxectos elixidos recibirán un capital de 1.250.000 euros entre capital semente e achegas a fondo perdido, máis outros 250.000 euros en gastos de formación e consultoría.
Agora, os responsábeis das iniciativas terán que constituír cada un a sociedade correspondente e, desde a vindeira semana e durante medio ano, traballar os seus proxectos no espazo de coworking do Centro de Negocios de Porto do Molle, cun experto equipo de asesoramento. Logo disto, poderán saír definitivamente ao mercado e presentarse a roldas de investimento.
Este dez novos negocios, que poden ser consultados na web de ViaVigo, abranguen modelos xurdidos de novas ideas que van desde o desenvolvemento de aplicacións á produción ecolóxica ou ao deseño e fabricación de máquinas de adestramento deportivo.
Entre os novos modelos de negocio para o mundo dixital un dos proxectos apóiase no desenvolvemento dunha pulseira intelixente que potencia as relacións sociais “e que tamén pode ter un uso profesional”, sinalan fontes da Zona Franca, que engaden (facendo listaxe das propostas TIC) que “tamén hai outro modelo que desenvolve unha aplicación de mensaxería instantánea que mellora a atención ao cliente; unha plataforma que achega seguridade xurídica aos procesos precisos para a celebración de xuntas de accionistas e consellos de administración por vídeo streaming desde calquera dispositivo fixo ou móbil; un desenvolvemento que, previo pago dunha tarifa plana, permite aos usuarios acceder ao total do catálogo de videoxogos; unha rede social para compartir vídeos de deportes con tracking automático que inclúe unha aplicación multiplataforma; e outra plataforma orientada a crear hábitos saudábeis nas empresas que ofrece ferramentas para mellorar o estado físico e emocional dos traballadores”.
Por orde alfabética, os proxectos que acceden á fase de aceleración son: Chameleon Band, Citious, Council Box, Embutido Vexetal, H2 Hydroponics, Latitude, MyR Performance, Sila Games, Sportracking Social Network e Vidahora.

PUBLICIDADE