O ano que vén convocarase un concurso para crear 5 novas canles de TDT

martes, 16 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Nun almorzo informativo organizado por Europa Press, o ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria, adiantou varios detalles sobre o futuro da TDT no noso territorio, que comezaría coa posibilidade de que adíen a liberación do dividendo dixital 3 meses, ante os retrasos na adaptación de antenas a nivel estatal, o que sen dúbida é unha mala nova para o sector das telecomunicacións (canso dos retrasos a este respecto para poder avanzar na telefonía móbil de cuarta xeración) e a ampliación do número de canles de TDT que teremos no futuro (para compensar o peche de canles que vivimos hai poucos meses por mor dunha adxudicación previa irregular).
A demora na liberación do dividendo dixital sería unha esixencia das empresas instaladoras, que aseguran que de producirse o apagamento das canles de TDT que emiten na banda dos 800 MHz habería uns 7,5 millóns de cidadáns afectados, que non poderían recibir algunha canle televisiva. Esta lentitude na adaptación ao novo escenario da TDT non parece moi razoable, se temos en conta que leva moitos meses previsto, e reaccionar aprazando os cambios da TDT prexudicaría a un volume de cidadáns moi superior ao que afectaría a perda dunha porción da oferta televisiva por un tempo reducido.
No caso da ampliación da oferta televisiva, Soria asegurou que o Goberno sacará a concurso 5 canles de TDT das que 4 serían de alta definición e unha quinta estaría en definición estándar. Este proceso concursal iniciaríase antes de 6 meses. Con esta medida queren compensar o peche de 9 canles de TDT por orde xudicial, e que foi un dos motivos que causou conflitos no sector, dificultando a tan agardada liberación do dividendo dixital.

PUBLICIDADE