O aplicativo Prey axuda a localizar os computadores roubados

xoves, 25 de xuño do 2009 Fernando Sarasketa

Cada vez hai máis recursos dispoñibles e accesibles na Rede para evitar, precisamente, que segundos e terceiros accedan á Rede a través de portas que non lles corresponden. Ao tenor do que nos contan estes días Mancomún e Sofwarelibre.org, a ferramenta Prey estase a perfilar como un recurso a ter en conta no caso de que nos rouben o computador e con vistas a localizalo. Iso si: o aplicativo só pode achegarnos operatividade e resultado se o ladrón ou ladroa se conecta á Internet con posterioridade ao furto e non formetee o disco duro. O seu funcionamento é o seguinte: Prey subminístranos vía e-mail, logo do roubo, un completo parte de incidencias onde se nos sinala onde está conectado o noso equipo, que rede e que programas está a usar e, a maiores, que arquivos do equipo foron suxeitos a cambios. O certo é non estamos a falar dun informe superficial: por enviar, até se envía unha captura de pantalla do escritorio.
Amais, hai posibilidades de que se lle saque unha instantánea ao novo propietario e ao seu contorno se é tan escasamente espelido como para deixar incorporada e acesa a cámara web.
O aplicativo está dispoñíbel para Mac, GNU/Linux e Windows. No seu xermolo non está, en contra do que se pode pensar, un informático especialmente preocupado en que cada cousa tecnolóxica estea no seu sitio, ou polo menos non no senso máis seriamente comprometido da cuestión. A iniciativa comezou, de feito, como unha brincadeira e así se pode ver na licenza, SRTCRMCUC, que quere dicir Se Recuperas o Teu Computador Roubado Me Compras Unha Cervexa pero, oficialmente, conta coa licenza GPL v3.0.

PUBLICIDADE