O blog sobre videoxogos Memoria Pixelada di adeus tras 6 anos

venres, 12 de xuño do 2015 Marcus Fernández

No ano 2009 dabamos conta do nacemento dunha páxina web en galego que falaba sobre a actualidade do mundo dos videoxogos, cubrindo así unha grande carencia na Internet, pois aínda que dende Galicia se elaboran contidos de páxinas web dedicadas aos videoxogos como Vandal, Hardgame2 ou PixFans, estas están en español. Nacía daquela Memoria Pixelada, un espazo na web que foi evolucionando, sumando colaboradores, adheríndose a unha rede de blogs e, en definitiva, madurando como un medio en liña altruísta que daba cabida a novas, artigos, análises...
O grande problema de levar adiante unha publicación dixital de xeito afeccionado fixo cada vez máis complicado manter certa frecuencia de actualización, e tras unha etapa na que a falta de tempo dos responsables de Memoria Pixelada facía que o produto quedase un tanto abandonado, decidiron optar por unha saída digna, anunciando o adeus deste diario de Internet especializado en videoxogos. Quédanos así o recordo dunha iniciativa digna de ser replicada por outros entusiastas no futuro que teñan a ben dedicar parte do seu tempo a falar das súas paixóns na nosa lingua empregando a Rede como plataforma para divulgar o seu traballo.

PUBLICIDADE