O centro AtlanTIC anima ao sector a investir en innovación e producir máis patentes

mércores, 5 de decembro do 2012 Fernando Sarasketa

O potencial TIC galego é inmellorábel, pero cómpre investir máis e innovación. E máis tendo en conta que a liña da gráfica do investimento galego en I+D é arestora, por desgraza, descendente, tal e como sinalou o INE nos seus informes recentes. Que se pode facer a este respecto? Pois segundo fixo saber o centro galego AtlanTIC nun repaso pormenorizado polas capacidades do noso tecido tecnolóxico-dixital celebrado en Vigo, repaso que veu da man de Nuria Gónzalez Prelcic (que é a directora do dito centro), o que se pode facer é o seguinte: investir máis e captar máis fondos. Ao seu xuízo, xérase investigación de abondo pero poucas patentes e, en consecuencia, non hai toda a transferencia que sería desexábel. Estamos pois ante un tecido de innovación TIC, o galego, que ten case toda a cadea completa agás os elos que aseguran o fluxo total, íntegro, do coñecemento xerado e confianza absoluta no valor de investir.
A directora de AtlanTIC, centro da Universidade de Vigo composto por 11 grupos de I+D ligados ao eido tecnolóxico-dixital, fixo estas declaracións no marco das conferencias do Club Faro deste mes de decembro, celebradas no Auditorio do Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo. A intervención de González Prelcic desenvolveuse baixo o seguinte epígrafe: I+D en Telecomunicacións en Vigo: unha aposta para a reactivación económica.
A directora do centro vigués foi presentada por Jorge Cebreiros, director da asociación empresarial INEO, e a súa intervención xirou en boa medida arredor da crise produtiva na que estamos mergullados, sector TIC incluído (aínda que menos que outros), e das cousas que podemos facer para saírmos dela canto antes e do mellor xeito posíbel. Por exemplo, dixo: seguir a experiencia e o camiño xerado por algúns proxectos galegos que van na boa dirección e que son claves para dar exemplo de cooperación universidade-empresa-centros de I+D e de captación de fondos. Casos como o do centro Gradiant, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, ao que sitou como un dos piares do potencial tecnolóxico de Vigo, xunto coa Escola de Telecomunicación, ou o propio centro AtlanTIC.

PUBLICIDADE