O certame audiovisual de Galegolab.org contará no xurado con Luís Tosar, María Bouzas, Pico e Enma Lustres

venres, 29 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

A plataforma GalegoLab, dirixida a promover pola vía virtual unha realidade máis lingüisticamente nosa, vén de presentar unha serie de novidades con respecto ao certame 24 horas fullscreen, concurso encamiñado a recoñecer as mellores pezas audiovisuais da comunidade internauta que mellor resuman unha xornada na vida dunha persoa galegofalante. Entre as novidades presentadas inclúese por unha banda a ampliación até o 30 de novembro do prazo para presentar vídeos e, pola outra, a participación no xurado de persoeiros da primeira liña do noso audiovisual, como Luís Tosar, María Bouzas, Pico e Enma Lustres. O concurso oriéntase a persoas galegofalantes (ou non necesariamente) e a directoras/es e estudantes de imaxe ou comunicación. A recompensa para o gañador será un premio en metálico de 300 euros.
Polo que atinxe aos xurados, dicir que haberá un colectivo popular composto por seis voluntarios de GalegoLab, sendo o premio que outorgue este xurado unha das serigrafías de GalegoLab feitas por Antón Patiño. A maiores, habilitarase outro xurado de expertos formado polo actor Luís Tosar, a actriz María Bouzas, o tamén actor e presidente da Academia Galega do Audiovisual Xosé Manuel Olveira, “Pico”, e a produtora Emma Lustres, de Vaca Films. Este xurado outorgará un premio de 300 €. O xurado pode acordar “accésits” sen retribucións e mencións de honra.
O prazo de recepción de filmes amplíase ata o 30 de novembro ás 12 da noite. Os filmes serán enviados a Eufalo.TV, na que posteriormente estarán dispoñibles para o público.
A asociación Galegolab, que como dixemos promove o uso da lingua galega no lecer e na vida cotiá (xeralmente nos eidos onde normalmente o galego precisa de meirande pulo), comezou a desenvolver a idea do concurso 24 horas galego fullscreen como un dos proxectos promovidos na súa plataforma de crowdsourcing Galegolab.org. “Alí recadouse a colaboración dos usuarios para levar a cabo o concurso, dende pequenas achegas económicas para chegar ao premio final de 300 euros, como os voluntarios para conformar o xurado popular e para difundir a iniciativa mediante carteis e banners”, informa o equipo responsable da plataforma.

PUBLICIDADE