O certame de proxectos innovadores da USC recoñece o potencial de Menus.es

mércores, 29 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

Os responsábeis dos proxectos gañadores do concurso, fotografados por Santi Alvite

Un ano máis, a Universidade de Santiago premiou a capacidade dos seus alumnos para tender pontes que faciliten o paso do eido educativo ao profesional, e todo da man de dúas fórmulas de probada capacidade: a innovación e o espírito emprendedor. Todo isto vén a conto para informar de que onte mesmo entregáronse no Colexio de San Xerome os premios do XII Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC, un certame no que se impuxeron, como vén sendo habitual, iniciativas cun forte compoñente tecnolóxico-dixital. É o caso de Menus.es, que obtivo o primeiro premio na categoría de Empresa Xove. Deste proxecto orientado a acurtar distancias entre negocios e consumidores xa temos falado en Código Cero con motivo de ter superado a liña dos 7.000 establecementos, ou por ter acubillado interesantes ofertas de descontos de variados produtos e servizos para os internautas.
Polo que respecta ao resto dos premiados, dicir que a estrela da xornada foi sen dúbida Biocen, o proxecto gañador do concurso, obxecto dun recoñecemento de 5.000 euros e de outros 24.000 en financiamento mediante préstamo participativo. O negocio, arestora en desenvolvemento, dedicarase (segundo apunta a USC) á reemprego de cinzas de biomasa e industria madeireira como fertilizantes orgánicos en cultivos forestais, agricultura ecolóxica e agricultura tradicional. Os seus promotores son o profesor Agustín Merino e a enxeñeira Beatriz Omil.
No Salón Nobre do Colexio de San Xerome, xunto a Biocen recibiron recoñecemento os proxectos Geneaqua (especializada en servizos de mellora xenética que facilite a optimización das empresas acuícolas), 2º na categoría de Premio Base Tecnolóxica; Menus.es, 1º premio Empresa Xove; Recursos e servizos xerontolóxicos galegos, 2º premio da modalidade Empresa Xove; e Deroceras, premio Muller Emprendedora. Esta última é unha iniciativa dirixida a achegar servizos de consultaría especializada en xestión e control de especies praga de invertebrados terrestres.
Na entrega de galardóns, presidida polo reitor Juan Casares, interviñeron ademais o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán; o subdirector xeral de Apoio á Contratación, aos Emprendedores e ao Traballo Autónomo, Jorge Barros de la Peña; o vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación, Pablo Ramil; e o director do programa Uniemprende, Carlos Hernández Sande.
Volvendo a Menus.es, dicir que se trata dunha iniciativa empresarial constituída en 2011 que ofrece información actualizada de menús, cupóns de desconto e restaurantes xeolocalizados de toda España a través da plataforma web do mesmo nome. Os usuarios poden acceder a información relativa ao menú de cada restaurante, distancia á que se atopan, prezo do prato, restaurantes concretos ou menús de distinta tipoloxía, entre outras posibilidades. Arestora xa desenvolven o seu labor no seo da empresa trece persoas, tres en Lugo, nove en Coruña e unha en Madrid, “estando prevista a incorporación de dúas máis de xeito inmediato”, informa a USC. E engade: “Ao longo deste ano, en total, incorporaranse ao cadro de persoal dez persoas. Roi Correa, de Ciencias Empresariais da USC, e Joaquín de Santiago, de Enxeñaría Técnica en Informática de Xestión na Universidade de Vigo, son os promotores”.
Por certo que ao abeiro da mesma categoría de Empresa Xove tamén se recoñeceu, como dixemos, o importante potencial de Recursos e servizos xerontolóxicos galegos, un proxecto que tamén nos colle de preto tematicamente, en Código Cero, ao vir apoiado en boa medida no uso das novas tecnoloxías da información para a mellora da atención ás persoas maiores. “A iniciativa”, informa a USC, “inclúe un servizo de teleasistencia avanzada baseada na comercialización de Telexerontoloxía, dispositivo capaz de achegar ás persoas maiores a través de internet diferentes funcionalidades dos campos da saúde e social como o entretemento cognitivo, a posibilidade de contactar con profesionais por medio de videoconferencia ou a posibilidade de seguir en liña sesións de rehabilitación física”. Posta en marcha en 2011, a empresa dá acubillo xa a unha ducia de persoas, sendo a previsión a curto prazo a de ampliar equipo con catro novos profesionais. Os seus promotores son o catedrático da Universidade da Coruña José Carlos Millán, o licenciado en Dereito Sergio Diéguez e María Luisa Ansorena, presidenta da Unión Democrática de Pensionistas e Xubilados da Coruña.

PUBLICIDADE