O certame de raizame galega D3Mobile será presentado en Ciencia en Redes

xoves, 23 de abril do 2015 Redacción

Participantes nunha das anteriores edicións de Ciencia en Redes en Madrid

A nova convocatoria de Ciencia en Redes terá presenza galega. Así nolo conta a Universidade de Santiago, que lembra que o campionato de modelado 3D de precisión para móbiles, D3Mobile Metrology World League 2015, figura entre as iniciativas escolmadas pola Asociación Española de Comunicación Científica para a súa presentación na cuarta edición de Ciencia en Redes, un encontro destinado a xornalistas, investigadores, comunicadores, responsábeis de museos, institucións e empresas adicadas á ciencia e á investigación.
Recordar tamén que o certame galego D3Mobile, promovido polo grupo USCAN3D da USC para potenciar as vocacións científicas en estudantes de ensinanzas medias a través do teléfono móbil, recibiu esta semana outro recoñecemento da fundación estatal FECYT, que cualificou o proxecto lugués (xunto con TodoCosmos) como exemplo referencial de práctica innovadora.
Segundo engade a USC, a selección do proxecto D3Mobile entre a ducia de presentados en Ciencia en Redes implica a participación por vez primeira da universidade galega no primeiro evento de España destinado especificamente a formación 2.0 en ciencia e tecnoloxía. Como lembraremos, Ciencia en Redes, foro de intercambio e debate, xunta os mellores expoñentes do mundo científico dixital na comunicación.
Respecto dos proxectos escolmados polo comité científico para a súa presentación na sección denominada 10 minutos de gloria na vindeira convocatoria de Ciencia en Redes, os responsábeis do evento sinalaron que as 12 propostas que van expor foron escollidas polo “seu interese entre os preto de medio centenar de proxectos recibidos”. O devandito evento celebrarase o vindeiro 28 de maio na Casa Encendida de Madrid. Segundo informan os organizadores, a inclusión de D3Mobile neste foro “contribuirá de xeito decidido a unha maior difusión deste proxecto pioneiro da USC, ao tempo que tamén reforzará e potenciará a imaxe da institución académica compostelá”.

PUBLICIDADE