O concelleiro de Economía e Industria pon como exemplo de emprendemento á compañía pontevedresa Qubitia

martes, 18 de novembro do 2014 Redacción

Qubitia, a firma galega que gañou a edición galega do premio aos novos emprendedores de La Caixa en 2013 e que hai un ano deu conta da súa experiencia na busca de fortuna en Silicon Valley durante o Foro Unirede celebrado en Pontevedra, recibiu hoxe a visita nas súas oficinas do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, quen destacou o rol desta empresa como “exemplo de emprendemento no eido tecnolóxico” que atrae investimento de todo o mundo.
Conde estivo acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e polo director de XesGalicia, Juan Cividanes, e quixo destacar a traxectoria de Qubitia, compañía que en só 3 anos xa se converteu en todo un referente do sector TIC galego.
Qubitia ten un cadro de persoal no que 20 traballadores mozos e moi cualificados conseguiron desenvolver servizos de calidade, conseguindo co seu software “democratizar os mercados financeiros”, facéndoos accesibles ao investidores institucionais e particulares, facilitando actuacións áxiles e permitindo así maximizar os beneficios.
A vocación internacional desta compañía concrétase nunha “dobre vía: mediante un produto que se está intentando implementar nos mercados internacionais”, con clientes en Londres e Estados Unidos, “e a partir da aposta que investidores internacionais están a facer pola empresa Qubitia”, como o xigante do investimento FX Street. Un apoio financeiro que se sumou ao de institucións como a propia Xunta, que a través de XesGalicia contribuíu ao desenvolvemento do proxecto desde a súa creación.

PUBLICIDADE