O concurso de aplicacións de software libre de Chuza! afronta a súa recta final con tres proxectos

martes, 21 de outubro do 2014 Redacción

Finalmente rematou o prazo para presentarmos propostas ao primeiro concurso de aplicacións de software libre da comunidade Chuza!, unha actividade desenvolvida en colaboración co Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL) e co obxectivo de contribuír por unha banda á evolución da propia páxina da comunidade e, pola outra, á rede de ferramentas informáticas libres das que podemos botar man na nosa lingua. Pois ben, segundo contan os organizadores do certame, competirán na recta final do concurso tres interesantes e innovadores proxectos. O premio final é de 250 euros.
Por un lado temos a achega de Iago Veloso Abalo, que presentou RadioCo, un sistema de gravación automática da emisión en directo dunha emisora de radio comunitaria. RadioCo, conta a organización e reflicte Praza.com, xurdiu como un proxecto de fin de carreira e xa foi probado por CuacFM. O sistema grava e publica de xeito automático os programas en formato podcast posibilitando a subscrición e a reprodución de audio directamente dende un navegador web. Por outra banda, Damián Aragunde Pérez participa con Ok-Oh, unha ferramenta de axuda á audición mediante o uso de dispositivos móbiles, nomeadamente smartphones. A maiores, temos a proposta de Vreixo Luís González Caneda, OpenTripPlanner for Android, unha aplicación de cálculo de rutas en transporte público, a pé ou en bicicleta, a partir de bases de datos e mapas en formatos abertos, ofrecendo información sobre horarios de autobús e tren, ou da situación dos puntos de aluguer de bicicletas.

PUBLICIDADE