O día 22 daranse a coñecer as primeiras entidades que gozarán de páxinas web baixo o dominio .gal

venres, 18 de xullo do 2014 Marcus Fernández

O vindeiro martes ás 12:00 horas o Museo do Pobo Galego acollerá o acto de presentación do Programa Pioneiros .gal a través do que, a partires do vindeiro 25 de xullo, entrará en funcionamento a primeira serie de páxinas web baixo o dominio .gal dentro dun proceso de pre-lanzamento no que deuse a oportunidade a unhas noventa institucións públicas, empresas e entidades sen ánimo de lucro de amosar o seu apoio pola lingua e a cultura galegas gozando de xeito anticipado dun dominio de Internet baixo o sufixo .gal, que non estará dispoñible para outras páxinas web até primeiros de decembro.
O Programa Pioneiros .gal cumpre cunha dobre función: por unha banda as entidades que estrean dominio .gal poden conseguir unha meirande visibilidade grazas a pertencer a un grupo selecto, que destaca fronte ao resto de espazos na web; e por outra, temos que a sociedade comeza a tomar consciencia da existencia do dominio .gal grazas ao seu uso por parte de entidades representativas da nosa comunidade socio-lingüística.
As entidades que non tiveran a fortuna de acceder a este Programa, poderán iniciar os trámites para facerse cun dominio .gal a mediados do mes de setembro, cando botarán a andar as fases de Abrente e Carreira a través das que será posible conseguir de xeito preferente un dominio .gal, evitando a súa usurpación e podendo así facer uso do mesmo a primeiros do mes de decembro.

PUBLICIDADE