O director de Vandal.net falará en Compostela da súa experiencia emprendedora

martes, 3 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Imaxe de Grandío nun relatorio na Universidade de Vigo</A>

Galicia Open Future organiza o vindeiro venres ás 16:00 horas na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela un interesante relatorio no que Pablo Grandío, fundador da popular páxina web de videoxogos Vandal.net, contará a súa experiencia emprendedora, debullando os retos do día a día dun medio especializado na Internet.
Vandal.net é un excelente caso de páxina web vertical, con 18 anos de historia, que tivo que superar numerosos atrancos como pequena empresa editorial na Internet, que pese á súa independencia conseguiu consolidarse nun sector altamente competitivo, chegando a un grande público de fala hispana espallado por moitos países, o que é todo un logro para un proxecto que Grandío iniciou cando só tiña 15 anos de idade.

Pablo Grandío (á esquerda) participando nunha mesa redonda sobre a prensa do videoxogo

Emprender en Silicon Valley

Pero esta non é a única actividade organizada na mesma xornada, senón que durante a mañá Manuel Noya Mariño de Linknovate detallará aos emprendedores galegos cousas de grande importancia sobre o emprendemento en Silicon Valley. Este relatorio comezará ás 12:00 horas e debullará obstáculos que se atopan ao intentar levar un proxecto emprendedor a California, comezando con detalles como as visas; tamén afondará na cultura das startups e do risco, como fichar a enxeñeiros, como vender a empresas... Unha chea de información moi interesante para os que queiran emprender en Silicon Valley, levar a súa empresa alá, traballar alí como enxeñeiro ou incluso fichar por un dos xigantes tecnolóxicos alí establecidos.

PUBLICIDADE