O directorio Alargascencia achéganos alternativas para prolongar a vida dos nosos aparellos

venres, 27 de novembro do 2015 Fernando Sarasketa

Co obxectivo de loitar contra o ritmo de consumo ao que nos quere someter boa parte da industria, Amigos da Terra vén de pór en marcha Alargascencia, un directorio web de alcance estatal que acubilla establecementos de arranxo, aluguer, intercambio e compra venda de artigos usados, abranguendo no repositorio electrodomésticos e todo tipo de material tecnolóxico-dixital (amais de outras moitas cousas de uso común nos nosos fogares, como roupa, xoguetes, ferramentas ou móbeis). A finalidade do directorio web é, polo tanto, fomentar as segundas e as terceiras vidas para os obxectos de consumo, unha fórmula de probadas vantaxes e beneficios no ecolóxico e no económico (nos nosos petos).
No punto de mira dos Amigos da Terra están cousas como a obsolescencia programada (concepto que acredita nun acordo transnacional das industrias para poñer no mercado produtos cunha vida útil programada, cunha data de remate de operatividade xa fixada), o fomento do consumo intensivo e anti-sustentábel por parte das grandes empresas (principalmente) e a achega ao mercado (cada vez máis) de aparellos de ínfima calidade que nos obrigan a meternos no círculo da continua substitución.
En palabras dos impulsores Alargascencia, o que se busca é achegar opcións doadas á cidadanía que se nega a cualificar aos seus obxectos, ás primeiras de cambio, como “refugallos”. Ao mesmo tempo, o directorio diríxese a “crear conciencia ambiental” con información sobre as vantaxes ambientais e sociais dos modelos de consumo sustentábeis. Así explican os Amigos da Terra a quen se dirixen exactamente: “Se es das persoas que se resisten a cambiar de teléfono móbil unha vez ao ano, aínda que se estrague a batería ou saquen un modelo supostamente; se comprobaches que usas o taladro menos de 5 veces ao ano e non lle ves a lóxica a comprar un novo; se tes ou necesitas roupa de bebé que dura menos de tres meses... benvida a alargascencia!”
Alargascencia é un proxecto colaborativo. Deste xeito, a cifra de iniciativas que acubillaba incrementarase coa cooperación dos internautas. No directorio xa hai máis de douscentos establecementos, 75 deles en Galicia.

PUBLICIDADE