O documental Tesouro de Corcoesto confirma a viabilidade do crowdfunding galego
martes, 3 de marzo do 2015
A creadora do documental galego Tesouro
de Corcoesto, do
que falamos
en Código Cero con motivo da súa presentación nos primeiros
Encontros 2.0 de Santiago, vén de informar do
importante fito acadado pola súa obra a través das técnicas do
micromecenado (ou crowdfunding), unha fórmula de
financiamento que consiste en xuntar a través das novas tecnoloxías
achegas económicas particulares para a consecución dun proxecto.
Neste caso concreto, o proxecto en cuestión foi o propio documental,
e o éxito logrado en materia de apoios para a produción sitúa o
devir de Tesouro de Corcoesto (dende a súa orixe mesma) como
experiencia pioneira en Galicia. Así cualifica o proxecto Cora Peña,
a directora do documental, unha investigación sobre o polémico plan
para habilitar unha mina contaminante en Bergantiños.
Segundo engade, o sistema elixido de produción
(financiamento por micromecenado) resultou ser “un xeito de
garantir o bo fin do proxecto e unha mirada independente sobre un
tema tan candente e polémico, cruzado, ademais, de información
confusa, en ocasións alarmante, noutras contraditoria”. Ao seu
xuízo, boa parte do éxito sen precedentes acadado débese ao
interese da cidadanía polos devanditos acontecementos, unido ao
feito de que dende o principio se amosase a intención de prestarlle
voz aos principais afectados.
O resultado foi, a
través da plataforma goteo.org, a consecución de 8.500 euros a
través de 180 colaboradores/produtores, entre persoas e colectivos,
unha listaxe que reforza o carácter participativo e social do
documental, segundo opinan os seus creadores. Dito noutras palabras:
a fórmula de recadación de apoios pola que se apostou rematou por
deixar pegada no resultado final, coma se o espírito crítico que
adoita ser propio das comunidades de ciberactivismo ficase intacto e
dese aínda máis azos ao propio espírito crítico da directora da
obra.
Por certo que o documental inicia agora un periplo
de exhibición con pases gratuítos por salas de toda Galicia, co
punto de saída no Centro Galego de Artes da Imaxe, CGAI (rúa Durán
Loriga, 10 baixo. A Coruña). Será este xoves 5 ás 20.30 horas.
Formará parte da sección Creadoras Galegas de Imaxe, organizado
polo Consello da Cultura Galega. A proxección irá acompañada de
presentación e coloquio a cargo da súa directora, Cora Peña.