O editor fotográfico Pixlr estrea versión de escritorio

venres, 29 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Pixlr pode empregarse agora como unha aplicación de escritorioO editor gráfico en liña de Autodesk, Pixlr, vén de estrear unha aplicación de escritorio para Windows e para OS X (dispoñible incluso a través da Mac App Store) de xeito que xa podemos instalar de balde no noso equipo unha interesante ferramenta que serve tanto para facer unha edición básica de imaxes (xirar, cortar, axustar o brillo e o contraste, eliminar o efecto de ollos vermellos) até aplicar numerosos filtros creativos para dar acabados moi efectistas ás nosas fotografías.
Pixlr é unha ferramenta que podemos empregar tanto para a corrección de fotografías como á creación de arte fotográfica, podendo controlar a aplicación en poucos minutos dada a simplicidade do seu manexo. Os usuarios de balde acceden a unha versión básica da aplicación, mentres que os usuarios que subscriban un plan de pagamento poderán desbloquear efectos adicionais e ferramentas avanzadas (como máscaras). As contas Pro de Pixlr custan 1,99 dólares/mes ou 14,99 dólares/ano.
Fronte a versión web, a aplicación de escritorio de Pixlr ten vantaxes como poder traballar con imaxes de alta resolución, preservar a información EXIF das imaxes ou incluso facer uso das tipografías que o usuario teña instaladas no seu ordenador.

PUBLICIDADE