O eido dos videoxogos accede ás primeiras axudas económicas por parte do Ministerio de Industria

mércores, 26 de novembro do 2014 Redacción

Gato Salvaje tamén participaba da Hobby Con mediante un expositor situado na súa entrada na que podía verse o traballo de desenvolvemento dun videoxogo con gráficos 3DOnte anunciábase a resolución de concesión de axudas por parte do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo para a realización de proxectos de desenvolvemento de software encamiñado ao lecer. As ditas axudas foron convocadas mediante Resolución da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información de 17 de xuño de 2014 coa novidade dunha consulta pública que permitiu realizar un mellor axuste das características das axudas ás necesidades reais do sector. Cómpre sinalar que estamos perante as primeiras axudas específicas para o sector do videoxogo concedidas polo Goberno e inseridas dentro dunha das medidas do Plan de Impulso da Economía Dixital e os Contidos Dixitais, integrado dentro da Axenda Dixital para España. A concesión leva a mobilización de fondos por valor de 21,17 millóns de euros, permitindo financiar un total de 33 proxectos.
En canto á súa distribución territorial, Madrid é a Comunidade Autónoma na que se executará un maior número destes proxectos (48%), seguida de Catalunya (21%) e Euskadi (18%). En canto ás empresas receptoras das axudas, beneficiaranse un total de 34, a maioría das cales son PEME (88%), as cales recibirán un 92% dos fondos encamiñados a estas axudas. Engadir que o financiamento destes proxectos realizarase a través dunha combinación de subvención e empréstamo.
As propostas que se financian teñen como eixo central o desenvolvemento de aplicacións e solucións relacionadas cos contidos dixitais e proxectos de desenvolvemento de software audiovisual orientado ao lecer interactivo mediante diferentes dispositivos electrónicos.
Dito doutro xeito, estas axudas irán encamiñadas ao sector do videoxogo, que en España facturou o ano pasado 313,7 millóns de euros, situando esta cifra ao sector entre as principais industrias nacionais de contidos dixitais.

PUBLICIDADE