O eido dos videoxogos faise forte na adversidade

xoves, 11 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Se hai algún sector que fique chantado no medio da crise xeralizada coma un penedo no temporal é o sector dos videoxogos. Case se podería dicir que nin se despeitea, do ben asentada que está a súa posibilidade de medre. Causas disto hai moitas, pero se cadra todo ten que ver co feito de que moito do que xa ofrecen as novas tecnoloxías e o lecer dixital en xeral son unha boa alternativa ao gasto en combustible para o transporte. Isto acontece no eido do traballo (onde se dán cada vez máis casos de labores a distancia, vía a Rede) e tamén no do lecer mesmo (as consolas contribúen á evasión e tamén á caída no número de desprazamentos por motivos extralaborais). Leas aparte, semella que hai datos concretos sobre o tema. Segundo apunta a Asociación Española de Distribuidores e Editories de Software de Entretemento (Adese), o eido dos videoxogos seguirá a medrar en 2009 cun incremento nas vendas do 15% na primeira metade do ano.
Estes datos, que segundo apunta Elpais.com non son definitivos, foron dados a coñecer na presentación do anuario de 2007 feito por Adese, traballo especialmente positivo e prometedor para a industria tendo en conta o que desvela: o negocio movido polo sector foi de 1.450 millóns de euros, o que significa un medre do 50% en comparación co ano anterior.
Asemade, entre os prognósticos da organización atópase un dato salientable abondo para as empresas que operan en España ou estean a piques de facelo: o crecemento no estado vai ser meirande ca no resto dos países (de feito, España é o cuarto mercado da UE no que se refire a consumo deste tipo de produtos). Neste estado de cousas, non é de estrañar (como sinala Adese) que a riqueza xerada polos videoxogos sexa xa superior á da música ou á dos DVDs.

PUBLICIDADE