O emprego en contidos e cultura descendeu en 2015

mércores, 4 de maio do 2016 Redacción

O Observatorio da Cultura Galega do CCG vén de presentar un novo documento de traballo sobre o estado de saúde da contorna laboral ligada á nosa cultura. No informe O emprego cultural de Galicia lémbrase, para comezar, que no último ano rexistráronse en Galicia 27.800 empregados no ámbito cultural, 800 menos que en 2014. Malia o negativo da cifra, o devandito ámbito profesional ligado ás múltiples expresións do pulo creativo (audiovisual, contidos dixitais, edición) ten mellores índices que o conxunto total de emprego na nosa terra. Ademais, dise no estudo, o emprego cultural medra de maneira ininterrompida desde o último trimestre de 2012 e faino a mellor ritmo que o conxunto da economía galega agás no último trimestre de 2015, que rexistra unha lixeira baixada. En relación con 2014, Galicia continúa por debaixo da media estatal, que se mantén no 2,9% e baixa dúas décimas.
A investigación recorda que en Galicia hai 11.256 afiliados destes ámbitos á Seguridade Social, o que supón un 1,2% do total en todos os sectores, que suma 937.414 afiliacións. A maior parte destas afiliacións correspóndense coa epígrafe de artes gráficas e reprodución de soportes gravados (un 27,2%) e coa de edición (21,4%). Séguenlles as actividades de creación, artísticas e de espectáculos, cun 18,2%, que ademais rexistran a maior suba, con 163 novas altas con respecto a 2014. Perde afiliacións a epígrafe que contabiliza os empregados de servizos de información, que pasa de 761 a 674. Os subsectores abranguidos son artes gráficas e reprodución de soportes gravados; edición; actividades de cinema e vídeo, TV e edición musical; actividades de programación e emisión de radio e TV; servizos de información; creacións artísticas; e bibliotecas, arquivos e museos.
Por provincias, A Coruña continúa a ser a que concentra un maior número de afiliacións, o 59,4% dos empregado culturais, seguida de Pontevedra, cun 26,8%. Ourense é a provincia cun menor número de empregados de ámbito cultural, con 691 afiliacións.
Polo que atinxe ao paro, este baixou en 2015 nas principais actividades culturais en 552 persoas, co que se situou en 6.763 parados. Por profesións, os empregos relacionados coa “Información e comunicación” continúan a rexistrar as maiores baixadas, con 522 desempregados menos, mentres que na epígrafe das actividades artísticas, recreativas e entretemento se rexistran 30 desempregados menos. O informe tamén sinala que “o desemprego é maior nos homes (51,9%) que nas mulleres (48,1%) e, por idade, a franxa comprendida entre 25 e 49 anos continúa a rexistrar as maiores cotas de paro”.

PUBLICIDADE