O emulador Dolphin estrea versión 5.0

luns, 27 de xuño do 2016 Marcus Fernández

O mundo da emulación facilita que poidamos recuperar xogos de consolas clásicas en plataformas actuais, estando normalmente limitado pola potencia das máquinas, de xeito que habitualmente hai que esperar bastantes anos para que un ordenador persoal poida ser moito máis potente que unha vella consola de videoxogos para poder imitar o comportamento do seu hardware para ser capaz de correr os seus xogos en tempo real, pero grazas a que Nintendo non aposta pola potencia, tivemos que a emulación de GameCube e Wii desenvolveuse a moita velocidade, sendo a aplicación máis popular que facilita o goce do seu software no PC Dolphin, que hai tres anos lanzou a súa versión 4.0 e que tras máis de dous anos e medio na neveira, sorprende agora cunha versión 5.0 moi prometedora, que xa podemos descargar de balde para Windows (64 bits) e OS X (estando tamén dispoñible unha versión de desenvolvemento para Android).
Dolphin é un emulador de GameCube e Wii, que destaca por permitir xogar aos títulos destas consolas no ordenador en alta definición (pese a que estas consolas non tiñan tal capacidade), permitindo o uso de mandos de PC, de xogo en liña e doutras vantaxes que agradecen especialmente os seareiros dos xogos de Nintendo que gustan de dar unha nova oportunidade aos xogos clásicos sen ter que conservar as súas vellas consolas. Con esta nova versión, en vez de engadirse unha chea de funcionalidades que sobrecargasen o sistema facéndoo máis lento, como é habitual nos emuladores, optouse pola senda da optimización, conseguíndose o Dolphin máis rápido até o momento, para o que tiveron que facer unha grande limpeza de código e, entre outras cousas, limitan agora o seu funcionamento en Windows a sistemas de 64 bits e eliminan o soporte de Windows XP (á vez que non garanten que poida funcionar ben en Windows Vista). No que a Android se refire, permiten a descarga da versión actual, pero consideran que aínda non está o suficientemente madura como para considerala unha versión final.
Dolphin 5.0 incorpora numerosas correccións a fallos detectados en versións anteriores do emulador, arranxando problemas gráficos detectados en certos xogos, conseguindo unha emulación gráfica moito máis eficiente, reacciona axeitadamente á relación de aspecto da pantalla (para que as imaxes non saian deformadas) e, como interesante novidade, o emulador incorporou un modo de visión estereoscópica, ou sexa, que en equipos con pantalla 3D será posible gozar dos xogos de GameCube e Wii como se estivésemos ante un título de Nintendo 3DS, percibindo a profundidade dos escenarios tridimensionais. Unha magnífica revisión dun dos emuladores máis reputados, que en moitos casos permite recuperar vellos xogos cun nivel gráfico superior ao que tiñan no seu lanzamento.

Vídeo coas novidades de Dolphin 5.0

PUBLICIDADE