O escritor galego Pablo García avoga pola fórmula da autopublicación a través da Rede en tempos de crise

mércores, 30 de outubro do 2013 Fernando Sarasketa

Hoxe chéganos dende Pontevedra o que poderíamos denominar un exemplo clarificador (e normalizador) de actividade literaria vencellada á Rede. Un vencello que non é novo, xa que son moitos os escritores que achegan as súas creacións na Internet de moitas maneiras diferentes, pero que neste caso concreto amosa como funcionan as recentemente renovadas e engraxadas engrenaxes dun dos principais xigantes de Internet en materia de distribución de material cultural: Amazon. A experiencia da que estamos a falar vén da man do escritor galego Pablo A. García, que ten ás súas costas unha historia semellante á de milleiros de mozos da súa xeración (desempregado, se cadra desencantado ante o que lle ofrece o mercado laboral), pero coa particularidade de ter optado polo vieiro literario.
De formación psicólogo forense, o seu libro Porvir tardou dous anos e medio en coller corpo, dende o intre no que se viu en situación de desemprego. Unha vez rematado, Pablo fíxose a pregunta que todo escritor leva dentro, publique finalmente ou non: como facer que esta obra vexa a luz? Visto como está arestora o mercado cultural, non moi diferente a como están os restantes eidos económicos e produtivos, ao que cómpre engadir o difícil que é publicar nun selo calquera para un autor novel en circunstancias normais (non de crise necesariamente), Pablo tomou a decisión de ollar cara as diferentes técnicas de autopublicación e máis en concreto cara a Rede. Finalmente, Amazon resultou ser a mellor alternativa para este autor galego, xa que “noutras plataformas obríganche a encargar, e pagar por adiantado, cen, ou cincuenta exemplares do teu libro, con Amazon iso non ocorre, xa que achega ferramentas para editalo en versión impresa, e todo de balde”, explica, ao que engade que a dita empresa dáche a opción de vender o libro en formato electrónico.
Lembrar que este sistema de venda coñécese como impresión baixo demanda e consiste en que un selo editorial, neste caso Amazon, só imprime o libro cando alguén o merca. Así o autor non ten que adiantar ningún diñeiro, xa que non lle esixen comprar un mínimo de exemplares. “Amazon só cobra os gastos de impresión e leva unha pequena comisión por cada libro vendido, mentres que o autor recibe unha porcentaxe das regalías”, explica o autor, que tamén recoñece que o inconveniente é que é o propio escritor quen se ten encargar do proceso previo: maquetar, revisar, corrixir, deseñar a ilustración de portada, etc.? Para Pablo, a promoción é sen dúbida a parte máis delicada da cuestión. “Arrincar é doado”, comenta, “tes á túa disposición todo tipo de plataformas: Facebook, Twitter, blogs, a túa web persoal, páxinas especializadas que che permiten chegar a amigos e talvez a amigos de amigos, pero despois que?”, pregúntase. Ao seu xuízo, estamos ante unha carreira de fondo: tes que conseguir que a novela estea presente en cuantos máis lugares mellor, porque se a xente non coñece a novela é coma se non existise.
En Porvir, achegado polo de agora en castelán (agardamos en breve unha versión en galego), o lector atoparase a bordo dunha nave espacial, xunto cun grupo de astronautas, explorando unha lúa selvática aparentemente habitábel noutro sistema solar, o que serve de escusa para, entre outras cousas, reflexionar sobre o futuro que lle espera ao planeta Terra a mans do home...

PUBLICIDADE