O experto en design thinking Federico Lozano impartirá obradoiros na EE de Telecomunicación

martes, 27 de setembro do 2016 Redacción

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo vai acoller a partir da vindeira semana a un dos expertos máis referenciais do panorama internacional en materia de design thinking. Falamos Federico Lozano, profesor na Universidade Norueguesa de Ciencia e Tecnoloxía amais de consultor e formador de empresas e institucións a través dunha start-up de seu: Pracademy. Lozano, mexicano pero neto de galegos, visitará a Escola de Telecomunicacións para impartir dous obradoiros: un o luns día 3 de outubro para o alumnado do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación de outro os días 4 e 5, organizado pola Escola en colaboración coa asociación Ineo, destinado a directivos, emprendedores, xestores de proxectos e persoal investigador.
Segundo informa a Universidade, da man de Lozano os asistentes terán a oportunidade de emprestar máis atención á experiencia humana do labor innovador e tecnolóxico, non tanto aos aspectos máis puramente técnicos ou teóricos. E farano “a través da adopción de ferramentas por tradición empregadas na antropoloxía como a observación, as entrevistas cualitativas e a inmersión empática, ao que cómpre engadir técnicas de visualización e creación de ideas tradicionalmente implementadas no eido do deseño”. O propio Lozano engade que as ferramentas de deseño tradicional son de utilidade noutros ámbitos porque “axudan a individuos altamente analíticos, lóxicos e estruturados como, por exemplo, xestores de negocios e enxeñeiros, a usar máis do usual o lado dereito dos seus cerebros, que é o máis creativo e o intuitivo, onde nacen a paixón, a emoción e a maioría dos flashes de iluminación”,
Segundo engade Lozano, esta vontade de ceibar de ataduras os contidos tamén se vai aplicar á forma. De feito, boa parte das actividades dos obradoiros levaranse a cabo nas rúas de Vigo e non nas aulas das universidade, “de xeito que o alumando poda percibir que a exploración, o entretemento e a aprendizaxe van de man en man e a innovación non é algo que pasa só en obradoiros secretos en Silicon Valley, ou na mente de personaxes máxicos como Steve Jobs o Nikola Tesla”.
Por certo que o profesor está a participar no proxecto europeo Eramus+ DiamonDT, no que toma parte a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, co obxectivo de introducir o design thinking nas escolas europeas de enxeñaría.
O alumnado do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación poderá asistir de xeito gratuíto ao obradoiro do luns 3 de outubro, mentres que os días 4 e 5 terá lugar o segundo dos cursos, destinado, neste caso, a profesionais alleos á Universidade, que deberán formalizar a súa inscrición. A eles sumaranse as e os participantes do programa INCUVI-Emprende e os estudantes coas mellores cualificacións na materia Laboratorio de proxectos, que se imparte no cuarto curso do Grao de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, centrada na realización de proxectos que remata na feira demostrativa LPRO Days, e ao que a Escola convidou a participar.

PUBLICIDADE