O fabricante español Weimei desmárcase das prácticas de Zetta

venres, 21 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Fotografía do equipo de Weimei

O escándalo pola fraude dos smartphones da marca Zetta, que realmente eran móbiles da marca Xiaomi que ocultaban a marca orixinal mediante adhesivos e sobreimpresións, está a afectar colateralmente a fabricantes españois honestos, como Weimei, compañía que vén de publicar un comunicado no que queren desmarcarse das prácticas da polémica compañía estremeña.
Así, dende Weimei Mobile S.L. deixan claro que son unha empresa española, con sede e dirección fiscal en Madrid, que en todo momento deixou clara a súa colaboración co fabricante e distribuidor chinés Gionee, que é o que achega os seus produtos, mentres que Weimei encárgase principalmente de darlles soporte e ofrecer a garantía de 2 anos que dita a lexislación española.
De feito, dende Weimei, en vez de distribuír de xeito camuflado terminais móbiles doutras compañías mudándolle a marca externa, presumen da súa relación con Gionee, un dos 5 maiores fabricantes de smartphones de China, considerando que a colaboración entre ambas empresas permítelles un nivel de calidade e innovación que permite que a marca española poida gozar dun atractivo catálogo de produtos.
A marca española de smartphones ten no seu catálogos terminais básicos como o Weimei Neon, que non chega aos 100 euros de prezo, até o Weimei wePlus, que por 289,99 euros presenta un grosor de só 4,1 milímetros, deixando clara a súa apolo deseño, á vez que conta cunhas especificacións bastante equilibradas (sorprendendo que en tan pouco grosor poidan meter unha batería de 3.150 mAh e carga rápida (a través de USB-C).

Continúa o escándalo de Zetta

Dende FACUA denuncian que a compañía Zetta Europa S.L. non existe, e que a marca real sería Movishark Europa, S.L.U, de xeito que os pretendidos socios detrás de Zetta non serían máis que empregados dunha terceira persoa

A polémica polo mal chamado «iPhone estremeño» continúa viva, e dende FACUA insisten en que as explicacións dadas pola compañía detrás da landra trabada son unha auténtica burla aos consumidores, chegando incluso a desmontar máis declaracións das persoas que estaban a facer de cara pública da empresa, Unai Nieto e Antonio Ribera, que na práctica serían traballadores e non socios como vendían aos medios, xa que o dono da marca e administrador único da sociedade (con sede en Madrid, non en Zafra) sería Bojun Cui, sendo a empresa real da marca Zetta a compañía Movishark Europa S.L.U. e non a suposta Zetta Europa S.L. (sociedade que non existe realmente).
FACUA tamén dá conta de que Cui intentou suplantar a marca Xiaomi en España, intentando rexistrar a marca Mi Zetta (cun logotipo de pretendía reproducir o de Xiaomi), aínda que a OEPM rexeitoulle o rexistro, como tamén aconteceu cando tentou rexistrar a marca AliExpress, propiedade do Alibaba Group.
Outro detalle a salientar é que a propia Xiaomi negou ter relación comercial con Zetta, e pese a que dende a compañía estremeña levan tempo presumindo de ensamblar eles mesmos móbiles estremeños agora mudan a súa versión e din que sempre admitiron que os seus terminais estaban fabricados en China.
Agora só falta esperar ás investigacións das autoridades para ver o nivel das ilegalidades cometidas por Movishark Europa.

PUBLICIDADE