O futuro do cibercafé chámase Manga Kissa

mércores, 1 de agosto do 2007 Matías Olazabal

Como xa sabedes, hoxe en día os cibercafés semellan máis unha sorte de empresa en extinción. A chegada das redes Wi-Fi, a banda ampla nas casas e a baixada nos prezos dos ordenadores fan que os cibers sexan xa case coma as cabinas telefónicas, un servizo de emerxencia para cando non atopamos outra solución mellor. Porén, en Xapón algúns seareiros do cómic e a informática (polo visto, por alí tamén os hai de abondo) decidiron combinar o concepto das “manga kissa” dos finais dos 70 cos cibers dos 90, e o resultado foi un novo –e completo- híbrido, que podería resumirse como unha cafetería (kissaten), con cómics (manga) e computadores con conexión á Rede (cibers).
Mais a cousa non remata aí. Incorpórase a esta oferta un cubículo que, segundo as súas prestacións (ordenador, consola de xogos, cadeira, sofá ou até tatami para botar unha soneca) e o seu tamaño (hainos individuais, dobres e para grupos) varía en prezo. Mesmo moitos Manga Kissa inclúen a opción de facer uso dunha ducha, que vén tarificada a maiores. Case me esquece engadir que dentro do local atoparemos máquinas de bebidas non alcohólicas, como refrescos, café, sopas, e infusións totalmente de balde, ademais de ter acceso ás coleccións de películas, CDs de música e xogos do local.
O máis barato dos hostais
O uso dos Manga Cibers non se limita só a aqueles interesados no cómic ou no xogo de partidas de Play, senón que polo descrito nos blogs de algúns usuarios, os recintos en cuestión tamén fan de seudo-albergues, empregados tanto por turistas como por quen se perde o derradeiro tren da noite e xa non pode volver á casa.
Segundo a testemuña dun dos usuarios, a noite nun destes cafés pode roldar os 3 euros por hora, aínda que noutro blog aseguran que por un habitáculo dobre e máis o uso das duchas pagaron 20 euros, o que nunha cidade xaponesa e un prezo case irrisorio. Tal e o éxito deste novo concepto que naquel país cóntanse preto de 2.000 Magna Kissa, e a idea xa foi importada a París e a Londres, aínda que polo visto na Europa máis cosmopolita algún dos servizos da idea orixinal ficaron polo camiño.

PUBLICIDADE