O galego José García, no certame de proxección internacional Feitos de Talento

xoves, 26 de marzo do 2015 Redacción

O programa-certame Feitos de Talento (Hechos de talento) promovido por Clear Channel e a escola de negocios ISEC conta nesta primeira andaina de seu coa presenza de José García, o empresario pontevedrés do sector dixital responsábel entre outras cousas de Virtualplanet360.com, portal que ao mesmo tempo está a ser obxecto dun novo plan estratéxico para captar investidores. O empresario galego, en virtude da súa participación en Feitos de Talento, opta a converterse nunha das dez persoas elixidas en España para promover a imaxe do Estado no exterior. E faríao precisamente co seu proxecto de creación de cidades virtuais interactivas, Virtualplanet360.com.
Feitos de Talento, como lembraremos, xorde coa idea de recoñecer publicamente a aqueles cidadáns que, desde o anonimato, contribúen a mellorar a imaxe e reputación de España e convertelos deste xeito en exemplos de innovación, creatividade e competitividade ante o mundo. Segundo nos explica o propio José García, o que se pretende é “garantir a visibilidade e exposición pública das persoas seleccionadas e, de paso, contrarrestar o peso daqueles que coas súas malas prácticas contribúen á deterioración da imaxe do país”.
A elección dos persoeiros encargados desta tarefa de promoción farase por votación pública accedendo á páxina do certame. Nunha primeira votación designaranse os 50 candidatos con meirande potencial para facer marca. Logo, o xurado (composto por representantes do ámbito da empresa) será o encargado de escolmar os dez participantes finais.

O empresario galego na aceleradora Galicia Open Future emprazada na Cidade da Cultura

Volvendo a Virtualplanet360.com, sinalar que estivo presente nalgúns dos eventos máis importantes de España, Europa e América Latina adicados ao emprendemento. Por exemplo a Spain Start Up (The South Summit), unha cita celebrada en Madrid o pasado mes de outubro que constituíu, en palabras do empresario pontevedrés, “un auténtico escaparate para empresas que como a nosa teñen moito que ofrecer polo seu carácter dinámico e innovador”. Un mes máis tarde, Virtualplanet360 foi elixida para tomar parte na plataforma de aceleración empresarial TIC Galicia Open Future, de Telefónica e AMTEGA, que permitiu á iniciativa “traballar e madurar o novo proxecto empresarial coa axuda de expertos de nivel internacional”. De xeito paralelo, engade José García, “mantivemos encontros con responsábeis de organismos públicos destinados a potenciar Galicia como destino turístico, e tamén con centros galegos de I+D, xerando sinerxías para desenvolver as novas ferramentas que precisaremos nesta nova andaina”. Para o empresario pontevedrés, con estas e outras colaboracións constatouse “o enorme interese que esperta o noso modelo de viaxe virtual en 360 graos e interactiva, xerado hai catorce anos en Pontevedra e dende aquela en constante evolución”.

PUBLICIDADE