O grupo USCAN3D entrega os premios 2015 do seu certame de modelado co móbil en 3D

martes, 30 de xuño do 2015 Redacción

Integrantes do equipo subcampión mundial da D3Mobile 2015

O Campus de Lugo acolleu este luns a entrega de galardóns do terceiro campionato mundial de modelado 3D con móbil (D3Mobile Metrology World League 2015), un certame promovido pola Universidade de Santiago a través do grupo de investigación USCAN3D e que se dirixe a fomentar a creatividade dos nosos estudantes preuniversitarios a través de deseños en tres dimensións feitos cos seus dispositivos intelixentes. A cerimonia celebrouse na Escola Politécnica do Campus de Lugo, onde se xuntou a preto de medio centenar de alumnos/as de ESO e BAC e diversos profesores de distintos centros educativos de ensino medio de Galicia e doutras comunidades autónomas como Castela e León ou Asturias.
O equipo Llauna3D do INS A Llauna de Badalona foi o gañador da terceira edición. O equipo está formado por Éric Santiago García, Claudia Cano Lucena e Leonardo de Haro Ámez, coordinados polo profesor Baltasar Sarvá. O premio ao mellor equipo de Latinoamérica foi para Think, de El Salvador, e o galardón Artistas 3D para o equipo Gold Prom do mesmo país. Ámbolos grupos están integrados por estudantes do Colexio Español Padre Arrupe e coordinados polo profesor Salvador Ernesto Rivas Leiva. Todos estes colectivos participaron na gala vía web.
Pola contra, o equipo Meaño4ªB_2, do IES de Meaño, (Pontevedra), proclamado subcampión da terceira edición da D3Mobile tras elaborar o modelo 3D dunha maqueta de hélice de ADN e formado polos alumnos Óscar Rei Martínez, Antonio Suárez Martínez, Manuel Anxo Vázquez Touriño e Borja Vázquez Castro, coordinados polo profesor César Fernández Riádigos, si que participaron neste acto de entrega de premios, unha sesión emitida en directo en Internet a través da canle de Youtube D3Mobile.
O terceiro e cuarto posto foi para dous equipos coordinados polo profesor Francisco Mudoy Villalobos, da Col.legi Mestral de Eivissa. Así, a terceira praza correspondeu a Planells_Cortiñas, un equipo formado por Ramón Planells Barber e Ignacio Cortiñas Tapia, mentres que o cuarto posto da clasificación xeral foi para Alarcon_Wag, formado por Alejandro Alarcón Torres e Jian Wang. A tamén meritoria clasificación lograda por Rosa_Jacoberguer, un terceiro equipo deste centro ibicenco, coordinado polo mesmo profesor e formado por Guillermo Rosa Laviana e Víctor Jacoberguer, fixo a este colexio merecedor da camiseta da selección española asinada tamén polo porteiro internacional.
O equipo IESEbro, de Tudela (Navarra), formado por Josu Rapún Jiménez, Eva Morales Pioz e Sandra Azcona Sangüesa e coordinados polo profesor Paulino José Martínez Salcedo, fíxose co premio ao equipo debutante mellor clasificado tras elaborar un modelo 3D do busto de Muza rei do Ebro. O galardón ao modelo 3D máis votado polo público recaeu nun que representa unha boneca matrioshka, elaborado polo equipo Galaxias, de Ponferrada (León), integrado por Ángela Mª Martín García, Inés Suárez Arca, Paula Pastor Calvo e Lucia Menéndez Arca, que participaron na competición D3mobile 2015 coordinados pola profesora Mª Graciela González Sierra.
Como dixemos, o galardón ao mellor equipo participante de Latinoamérica recaeu no equipo Think, formado por Brenda Ariana Santamaría Mejía, René Alejandro Villela Escalante, Francisco Alexander Escobar Flores e Jaime Edgardo Pacheco Cristales, estudantes do Colexio español Pai Arrupe de San Salvador (O Salvador) coordinados polo profesor Salvador Ernesto Rivas Leiva, que elaboraron un modelo do busto do Pai Juan Ricardo Salazar-Simpson. Así mesmo, o equipo, Gold Prom, coordinado por este mesmo profesor do centro salvadoreño e integrado polos estudantes Nicole Azucena Barahona Castro, Allison Estefany Branco Pacheco, Kathya María González Alvarenga e Fabiola Patricia Rivas Marroquín obtivo outro premio co modelo 3D da estatua de Reina Dona Sofía da súa cidade.
As nixerianas Megan Nobuhle Shong e Oluwabukunmi Esther Adubi, coordinadas polo profesor Raymond Abraham Tolulope, gañaron o premio ao modelo 3D máis votado polos finalistas: unha zapatilla de deporte. O segundo modelo 3D máis votado polos finalistas foi o dunha tenda de campaña, elaborado polo equipo colombiano Wizards of the web, do Colexio Juan Rulfo de Bogotá, formado polos alumnos Jenny Xurado, Jeisson Gonzales, Harold Pontes e Giovanni, coordinados polo profesor Juan Francisco López Díaz.
O modelo 3D do equipo Wild Rock, do IES Terra de Soneira, de Vimianzo (A Coruña), formado polos alumnos Alejandro Lista Martínez, Eloy Trillo Novo, María Canosa Benlloch e Mateo Pichel Paz, coordinados pola profesora Ana Isabel Penedo Branco, gañou o premio ao equipo español máis votado polos finalistas: unha pequena estatua exipcia. O premio especial do Ano da Biotecnoloxía en España foi outorgado ao equipo Atletas Pardos, do IES Gaia, de Alacante, formado por Roberto Ferrándiz Torregrosa, Rafael Martínez Santos e Ainhoa Medina Pardo, coordinados polo profesor Fidel Pastor Sogorb. Estes participantes modelaron unha espiga de millo, acompañada do título Un dos alimentos máis populares cando nos referimos a transxénicos.
O equipo gañador do premio ao mellor clasificado de Galicia foi Os dous de sempre, do IES Monte das Moas (A Coruña), formado por Brais Lema García e Breogán Martínez Castiñeira, que estiveron coordinados pola profesora Concepción Fernández Munin.
O mellor clasificado dos equipos da provincia de Lugo que tomaron parte nesta terceira edición da competición D3Mobile Metrology World League 2015 volveu ser, por terceiro ano consecutivo, o formado por estudantes do IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz. Este centro concorreu ao torneo de modelado 3D de precisión convocado pola USC co equipo Xopane, composto por Francisco Javier Manuel García, Brais López Roca e Antía Ferreiro González, e dirixido polo profesor José Engroba García. Os membros deste equipo recibirán o premio outorgado pola Deputación Provincial de Lugo.

PUBLICIDADE