O investigador Francisco José Armas sinala ás redes como pezas clave do noso desenvolvemento rural

mércores, 23 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

O investigador da USC nunha imaxe de Santi Alvite

As novas tecnoloxías constrúen estradas, tan eficaces coma calquera outra, e co engadido de que non se precisa viaxar fisicamente por elas e, asemade, permiten o traslado dun elemento que non sempre vai cómodo sobre o asfalto: o coñecemento. A fórmula das estradas virtuais a esgalla para corrixir desigualdades entre as cidades e o rural funcionou en países tan semellantes ao noso coma Irlanda. Así que, porque non ía resultar tan ben aquí? Disto, de apostar máis forte polas ferramentas dixitais para o desenvolvemento local de amplas zonas da nosa terra, xeralmente non urbanas, é do que tratan en boa medida os traballos recentes do investigador Francisco José Armas Quintá, quen na súa tese de doutoramento advirte que unha boa parte dos nosos problemas económicos e sociais poderían ter solución co afianzamento das novas tecnoloxías.
Armas Quintá, investigador da USC e membro do grupo GIST Idega (colectivo de ampla experiencia no labor de achegar as vantaxes da Rede á nosa economía tradicional, tal e como se demostrou co proxecto Granxafamiliar.com), centrou o miolo da súa tese no estudo da difusión da Sociedade do Coñecemento en Galicia, así como nas oportunidades que ofrecen as TIC de cara ao desenvolvemento dos espazos non urbanos máis deprimidos.
Máis polo miúdo, informa a USC facéndose eco das conclusións do dito traballo, avaliou traballos salientables de desenvolvemento rural a partir da achega de novas tecnoloxías e afondou “dende un punto de vista crítico” nas medidas levadas a cabo nos últimos anos para este espallamento das redes.
A tese presentada polo investigador insírese na iniciativa SINDUR (Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano Rexional), que tivo o seu xermolo en 2002 e que arestora atópase na súa terceira fase de execución. O proxecto foi impulsado polo devandito GIST (Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio da USC) e tivo dende o comezo o apoio orzamentario da UE e do Ministerio de Educación e Ciencia e de diferentes consellerías da Xunta.
Baixo o título Sociedade da Información e Desenvolvemento rural. Análise de novos procesos sociais e territoriais en rexións periféricas. O caso de Galicia e na modalidade de doutoramento europeo, a tese dirixiuna o profesor Carlos Ferrás Sexto. O tribunal avaliador da investigación estivo formado por Patrick O´Flanagan, da University College Cork; Xosé Manuel López Andión e Xosé López García, da USC; Joao Sarmento, da Universidade do Minho; e Joana María Seguí Pons da Universidade das Illas Baleares.

PUBLICIDADE