O novo Angry Birds Action! contará con contido desbloqueable no mundo real

xoves, 28 de abril do 2016 Marcus Fernández

Os paxaros anoxados de Rovio volven con forza, e esta vez queren arroupar a estrea do seu filme, que se estreará nos cines o vindeiro 13 de maio, polo que Angry Brids Action! é algo máis que un novo xogo que podemos descargar de balde para iOS e para Android, senón que tamén forma parte dun novo experimento comercial, no que numerosos produtos do mundo real (xoguetes LEGO de Angry Birds, restaurantes McDonalds, dispensadores de caramelos PEZ...) incorporan un código que pode escanearse co móbil para desbloquear contidos no xogo (que van dende potenciadores até mini-xogos).
Angry Birds Action! vén a ser unha especie de pinball no que faremos rebotar a un paxaro anoxado contra distintos elementos como se dunha bola de demolición se tratase até conseguir rescatar os ovos repartidos ao longo de 90 niveis. Poderemos controlar ao trío protagonista da película (Red, Chuck e Bomb) e a Terence, de xeito que temos o concepto tolo de estamos nun xogo baseado nunha película baseada nun xogo, que para rematar de enlear a madeixa convídanos a levalo á proxección do filme e iniciar o xogo durante os títulos de crédito finais para revelar unha escena en exclusiva e desbloquear novos niveis.

Tráiler de lanzamento de Angry Birds Action!

PUBLICIDADE