O novo coordinador do CITIC aposta pola internacionalización do centro

luns, 21 de abril do 2014 Redacción

Sebastián Bamonde afirma que o Centro de Investigación en TIC da UDC xa ten unha traxectoria máis que consolidada

Hai unhas semanas Sebastián Bamonde Rodríguez foi designado novo coordinador do CITIC, Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC, substituíndo á doutora Bertha Guijarro Berdiñas quen ocupará o recentemente creado posto de vicecoordinador responsable científico. O seu amplo coñecemento do ámbito empresarial supón todo un valor engadido para un centro como o CITIC, onde as estreitas relacións coas empresas son fundamentais para favorecer a transferencia tecnolóxica, misión principal do CITIC na súa estratexia de incorporación de proxectos de investigación no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) para favorecer á sociedade.
-Leva unhas semanas á fronte do CITIC, que é o que máis destacaría do centro?
-Son varios os aspectos que se poden destacar do CITIC, pero si temos que centrarnos nun sería as altas capacidades de investigación que presenta. O CITIC artéllase en 12 amplas áreas tecnolóxicas, polo que cobre un espectro moi amplo no eido da investigación en I+D+i aplicado nas TIC. Ademais, no seu equipo de máis de 250 investigadores combínanse departamentos de investigación de empresas con investigadores universitarios; froito desta composición constitúese unha contorna mixta que permite fomentar a transferencia tecnolóxica polo maior coñecemento das necesidades da empresa e a sociedade.
-Compartiu obrigas na universidade e na empresa, como pode favorecer ao CITIC a súa experiencia previa?
-O Centro ten como un dos seus principais obxectivos fomentar a transferencia tecnolóxica, levando as investigacións da universidade á empresa para repercutir de xeito favorable na sociedade, polo que coñecer a realidade de ambos axentes é moi importante para poder levala a cabo. Non só se trata de identificar as demandas, falamos de dous ámbitos diferentes e o CITIC busca que conflúan nun mesmo punto.
Son moitas as variables que temos que controlar, os proxectos de investigación nos que traballamos, a xestión empresarial, a contorna universitaria, os procesos en ambos eidos… Intentarei aplicar a miña experiencia neste sentido para favorecer a transferencia.
-Os proxectos de investigación do CITIC teñen moitas aplicacións en sectores moi diferentes, como valora este papel multidisciplinar?
-É un centro de referencia a nivel nacional precisamente por este motivo. A riqueza das súas investigacións é un papel importantísimo que permite achegar un alto valor engadido aos proxectos que se transfiren e aplícanse na sociedade, a súa comunidade científica presenta unha relevante experiencia pola súa actividade investigadora, o que sitúa ao centro como un socio estratéxico para calquera sector ou empresa. Investigamos en proxectos con aplicación en sectores como o transporte, a localización, o envellecemento activo e a saúde, o industrial, a eficiencia enerxética, a seguridade informática ou a domótica. Traballamos con PEME que polas súas características non dispoñen de departamentos de investigación e con multinacionais que atopan nas nosas investigacións proxectos a desenvolver e aplicar.
-Que reto lle suscita a súa coordinación?
-Continuar a súa liña de desenvolvemento, expansión e evolución, reforzando a súa aposta pola internacionalización. Desde a súa posta en marcha en 2008, o CITIC mantivo un crecemento sustentable participando en máis de 100 proxectos de transferencia tecnolóxica. Neste tempo converteuse nun axente que potenciou o avance, desenvolvemento e innovación das TIC, situándose á vangarda da investigación en Galicia e España.
O traballo dos seus investigadores, das oficinas de apoio e o labor dos anteriores coordinadores foi magnífica e un exemplo a seguir, con cada un deles o Centro deu novos pasos cara a adiante e, en definitiva, ese é o meu principal obxectivo: continuar repercutindo sobre a sociedade as bondades das nosas investigacións.

PUBLICIDADE