O novo dicionario da RAG, na Rede a vindeira semana

mércores, 8 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

Ferrín e Vázquez, á porta da sede da RAG na Coruña, nunha imaxe de La Voz

A Real Academia Galega, RAG, anunciou os días pasados que antes de que remate a semana vindeira a comunidade internauta terá á súa disposición, en liña, o dicionario novo da institución. A información achegouna este luns mesmo o presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, previamente á unha xuntanza co conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez, destinada entre outras cousas a ir dándolle forma a accións conxuntas de cara á celebración do Día das Letras Galegas 2012.
A nova achega, que se vai complementar con diversos traballos da RAG en materia de apelidos e cartografía, contará con máis de 50.000 entradas, o dobre cá versión anterior, segundo informou o académico Manuel González, coordinador do Seminario de Lexicografía da RAG (departamento responsábel deste novo dicionario), quen engadiu que malia que o miolo do traballo xa está feito, estes días se están a levar cabo diversas tarefas técnicas para permitir as mellores condicións de acceso e emprego da súa versión en liña. Entre outras cousas, o novo dicionario inclúe datos de valor sobre a orixe dos termos e máis o rexistro oral no que se insiren. O novo volume achegarase en formato tradicional, en papel, nos meses vindeiros.

PUBLICIDADE