O novo equipo directivo do CLAG quere facer do audiovisual galego unha industria 4.0

martes, 17 de xaneiro do 2017 Redacción

O equipo da directiva do Clúster Audiovisual Galego nunha imaxe recenteO Clúster Audiovisual Galego (CLAG) vén de renovar directiva e, co novo equipo de goberno, os seus obxectivos de afianzarse na Industria 4.0 e dos contidos dixitais (un eido temático do que estamos falando arreo, estes días, con motivo do evento DICO Summit 2017 co-organizado precisamente polo CLAG). O novo presidente da entidade, Jorge Algora, produtor e socio fundador de Adiviña Producións, substitúe no seu cargo a Andrés Barbé, que ostentou a presidencia dende 2010. Foi elixido por unanimidade para este posto á fronte do CLAG durante a asemblea xeral extraordinaria celebrada hoxe mesmo en Santiago. O presidente entrante louvou o gran labor despregado por Andrés Barbé e os seus esforzos para consolidar actuacións estratéxicas en materia de busca de novos mercados, de innovación e de modernización do sector. A intención de Algora é afianzar estes logros e avanzar aínda máis nos camiños que abren as novas tecnoloxías.
Algora e o seu equipo anunciaron tamén que manterán os proxectos estrela do CLAG (por exemplo o pitching I+P, Ideas para producir) e avanzarán no diálogo coas asociacións e outros axentes do sector para “atopar canles de colaboración e accións específicas que contribúan a estruturar o sector como unha industria 4.0”. A nova directiva tamén avanzou a súa arela de impulsar proxectos tractores tanto no eido da produción, como da innovación, ou a I+D (Investigación e Desenvolvemento), que acaden a especialización das empresas, “actuando como aceleradora de proxectos que persigan o interese dun mínimo de tres empresas”. Ademais, propuxeron crear unha rede de compañías doutros sectores “amigas do audiovisual galego” e que poidan apoiar accións de promoción ou financiamento de proxectos.
A nova xunta directiva do CLAG está composta por presidente: Jorge Algora (Adiviña Producións); tres vicepresidentes: Miguel Conde (Congo Producciones), Alfredo Alemparte (Setemedia Producciones Audiovisuales) e Juan de Dios Serrano (Agallas Films), que actuará tamén como tesoureiro, e unha secretaria e xerente do CLAG, Mar Varela. Completan o equipo catro vogais: Ramón Basanta (CESGA), Aquilino Abeal (Aeromedia), Margarita Soilán (Fundación TIC Lugo) e Manuel Sanmartín (Areca Films).

PUBLICIDADE