A nova edición do posgrao XEMTE afianzará pontes de coñecemento coas nosas empresas

luns, 7 de setembro do 2015 Fernando Sarasketa

O 15 de outubro comeza a segunda edición do Título Propio da Universidade da Coruña, XEMTE (Posgrao de Especialización en Xestión Empresarial e Tecnoloxía”, en palabras da institución académica galega “un punto de encontro entre universidade, empresas e novos talentos baixo un modelo diferente”. Este modelo alternativo baséase en atender e reflectir a realidade empresarial da nosa contorna e tender pontes firmes con ela, pontes por onde flúa o talento e o coñecemento TIC dos nosos novos profesionais.
Segundo informa a Universidade, durante un período de 8 meses unha vintena de docentes (“profesionais de recoñecida traxectoria no mundo da empresa e expertos profesores universitarios)” envorcarán toda a súa experiencia na formación de 20 alumnos, baixo un formato docente innovador que mestura clases tradicionais con visitas a empresas, mesas redondas ou resolución de casos reais de xestión e de actividade no mercado.
A idea dos responsábeis do posgrao é fornecer vantaxes para todos os implicados: para os estudantes porque se lles achega valor engadido á súa experiencia universitaria (bagaxe para a súa vindeira carreira profesional) e para as empresas da nosa contorna porque se lles fornece de futuros integrantes dos seus equipos, mozas e mozos “cunha sólida formación académica e que con recursos para saberen aplicala de maneira eficiente na realidade empresarial na que se insiran”. Por certo que a edición deste ano de XEMTE contará coa participación de algunhas firmas galegas e estatais de primeira nivel, boa parte delas ligadas ao ámbito das novas tecnoloxías da información e as telecomunicacións, como Altia, Telefónica, Emetel ou Abanca, entre outras.
Como dixemos, o programa académico combinará sesións presenciais na aula con contidos e exercicios na plataforma en liña, traballos individuais e en equipo, tutorías personalizadas, e sobre todo, unha ampla axenda de actividades e eventos que, a través de foros, xornadas, mesas redondas e visitas ás distintas empresas colaboradoras, mergullarán a todos os participantes “nunha vivencia formativa realmente enriquecedora”, explican os organizadores.

PUBLICIDADE