O novo smartphone insignia de Sony será o Xperia Z3+

martes, 26 de maio do 2015 Marcus Fernández

O mes pasado Sony adiantou as especificacións do seu Xperia Z4, pero parece que esa nomenclatura vai limitarse ao Xapón, e agora presenta o Sony Xperia Z3+, que parece ser un nome bastante atinado para definir unha evolución do anterior smartphone insignia da compañía nipoa que mantén aparencia externa, pero actualiza o seu interior para ofrecer prestacións propias dun terminal á última.
O Sony Xperia Z3+ sairá á venda este mesmo verán con carcasa en cor cobre, negra, branca ou verde auga e destacará polo seu grosor de só 6,9 milímetros e resistencia á auga e ao po (con certificacións IP65/IP68). Outros detalles que o smartphone tamén coida son as súas cámaras (cunha traseira de 20,7 Mpíxeles cunha apertura de f/2.0 de alta sensibilidade e unha frontal de 5 Mpíxeles) e a súa autonomía (a súa batería de 2.930 mAh podería chegar aos 2 días de autonomía).
Baixando a especificacións estamos ante un terminal con pantalla IPS Full HD de 5,2 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 810 de 8 núcleos e 64 bits, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 GB), LTE (4G), NFC, Bluetooth 4.1, 144 gramos de peso e sistema operativo Android 5.0. Aparte de presumir das súas cámaras de alta definición (que incluso pode gravar vídeo 4K), o Xperia Z3+ tamén conta cun apartado sonoro sobresaliente coa tecnoloxía Hi-Res Audio e incluso unha magnífica reprodución mediante Bluetotth mediante o uso de LDAC.

A cámara traseira do Xperia Z3+ ten unha sensibilidade ISO 12.500, o que permite disparar fotografías en condicións de baixa iluminación
Sony tamén coida o apartado sonoro dos seus smartphones de primeira liña

PUBLICIDADE