O portal Neofalantes.gal colle impulso para a súa transformación en rede social
venres, 11 de outubro do 2024
O Instituto Galego de Estatística (IGE) publica este venres 11 de outubro o resultado da enquisa estrutural a fogares, coñecemento e uso do idioma galego que tira como conclusión que 7 de cada 10 persoas se comunican en lingua galega. Este dato foi achegado polo secretario xeral da Lingua durante a presentación das últimas novidades do portal Neofalantes.gal, a plataforma divulgativa e educativa posta en marcha en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) para analizar o proceso de incorporación do uso do galego por parte das persoas que tiveron outro idioma como primeira lingua.
Segundo informou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude na Facultade de Ciencias da Comunicación de Compostela, o portal impulsado polo grupo Novos Medios sofre unha viraxe de sitio informativo pasando a ser unha rede social para neofalantes na que compartir experiencias. Na presentación, Valentín García salientou que dos datos publicados hoxe, e que recollen o resultado das entrevistas realizadas ao longo do ano 2023, despréndese que se relaciona en lingua galega un 69,25% da poboación que vive en Galicia.
O responsábel de Lingua da Xunta subliñou que “practicamente o 100% da poboación é quen de desenvolverse en galego na súa vida”, xa que a sondaxe conclúe que a maioría da cidadanía sabe falalo, dominando a expresión oral o 94,62% das persoas, mentres que, en canto á escrita, o 84,35% da sociedade recoñece ter competencias neste eido. En canto á comprensión, o estudo di que o galego falado é entendido nun 93,37%, mentres que o 96,35% asegura poder ler neste idioma.
Valentín García precisou que a enquisa estrutural a fogares que se realiza cada cinco anos engade nun dous seus epígrafes que neste período de tempo a poboación procedente do exterior que chegou a Galicia é de máis de 115.000 persoas. “Trátase dun dato moi importante que inflúe directamente no incremento de castelanfalantes, converténdose nun nicho de potenciais neofalantes para os que desde a Administración autonómica xa estamos deseñando medidas como son os cursos específicos que anunciamos esta mesma semana”.
De falarmos de ámbitos de contacto social, o representante da Consellería de Lingua explicou que das entrevistas levadas a cabo en máis de 9.000 fogares despréndese que é coas amizades con que máis se emprega o galego, seguido da interlocución da cidadanía co persoal da administración e co sector comercial. Os datos desta enquisa sinalan que sempre usan o galego o 53,01% das persoas ás que os avós lles transmitiron esta fala de cativos, fronte ao 23,35% que o fai en castelán, consolidándose a tendencia de cada vez máis fogares bilingües, un 63,89%.
En canto ao eido dixital, respecto á última análise publicada en 2018 polo IGE, navegan na actualidade en galego un 1,65% máis dos usuarios, mentres que nos medios tradicionais a lingua aumenta a súa presenza na prensa escrita, pasando dun 40,9% en 2018 a un 44,62% no 2023, un incremento do 3,72%. A Xunta aposta nesta dirección coa creación de novos produtos pensados para o público infantil e xuvenil, ou como o Proxecto Nós para impulsar o galego na Intelixencia Artificial (IA), as medidas para a aceptación e recoñecemento deste idioma en todas as plataformas ou proxectos como o portal Neofalantes.gal iniciado en 2021.