O portal TripAdvisor concede o primeiro e o segundo premio dos mellores paradores a dous establecementos galegos

mércores, 9 de outubro do 2013 Redacción

Este martes o portal TripAdvisor entregou en Compostela os seus premios Traveller’s Choice Paradores, que outorga a dita axencia en liña segundo unha listaxe baseada nas opinións dos seus usuarios (á par que viaxeiros). A entrega de recoñecementos desenvolveuse no Hostal dos Reis Católicos, que foi un dos establecementos distinguidos polo portal, máis polo miúdo co primeiro premio da clasificación, que recolleu o seu director, Xulio Castro. No acto tamén estiveron a directora de Turismo, Nava Castro, a presidenta de Paradores de Turismo, Ángeles Alarcó; a directora de relacións cos medios de Tripadvisor, Blanca Zayas; o alcalde de Santiago de Compostela, Ángel Currás así como a delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén Do Campo.
Os galardóns, concedidos a dez paradores, sitúan no primeiro e segundo posto, respectivamente, ao Hostal dos Reis Católicos de Santiago e máis ao Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, na Ribeira Sacra. Os Paradores de Alcalá de Henares, Oropesa, Aiguablava, Cangas de Onís, Cardona, Plasencia, Cáceres e Nerja completan o ranking.
A directora de Turismo de Galicia resaltou que é “unha honra para Galicia, nomeadamente para a Administración Turística galega, contar cos dous primeiros postos nesta clasificación que premia o bo servizo e a calidade”. Este premio, segundo dixo, recoñece o traballo de todo o persoal implicado no establecemento e debe considerarse un “punto de partida que dea continuidade ao traballo realizado ata o momento e funcione como aliciente para seguir traballando na boa dirección”.

PUBLICIDADE