O primeiro Gabriel Knight volve como xogo para tabletas

martes, 28 de xullo do 2015 Marcus Fernández

As tabletas están demostrando ser o oasis para os amantes das aventuras gráficas, xa que a súa interface táctil facilita a adaptación dos clásicos xogos point-and-click, e un dos que estes días vén a confirmalo é Gabriel Knight: Sins of the Fathers, o primeiro título da saga Gabriel Knight que editara Sierra On-lIne en 1993 e que gozou dun remake en PC para celebrar o seu 20º aniversario e que agora podemos adquirir tamén en versión para iPad e para Android.
Esta nova versión do xogo está dispoñible como descarga de balde con compras dentro da aplicación, de xeito que podemos gozar do primeiro día dos dez a xeito de proba, para decidir se logo queremos pagar por continuar a aventura de crime e misterio que con respecto ao xogo orixinal inclúe novos quebracabezas e gráficos de alta definición.
Os días 2-3 do xogo poden mercarse por 2,99 euros; e por 3,99 euros están os lotes dos días 4-6 e 7-10; ou sexa, que o xogo completo custaría preto dos 11 euros.


Tráiler da versión móbil de Gabriel Knight: Sins of the Fathers 20th Anniversary Edition

PUBLICIDADE