O proxecto Talentos Inclusivos do CITIC premiado por Ciencia en Acción

luns, 28 de outubro do 2024 S. P.

O proxecto Talentos Inclusivos do CITIC da Universidade da Coruña vén de recibir un novo recoñecemento polo seu traballo á hora espertar vocacións STEM (siglas de Ciencia, Tecnolóxica, Enxeñaría e Matemática) entre a mocidade e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos expostos por persoas con parálise cerebral.
Desta volta o proxecto do CITIC foi galardoado co primeiro premio ex aequo na categoría Ciencia e Valores Humanos do certame internacional Ciencia en Acción, concurso internacional dirixido a estudantes, profesores, investigadores e divulgadores da comunidade científica iberoamericana en calquera disciplina. O seu obxectivo principal é “presentar a ciencia de forma atractiva e motivadora para fomentar o interese na ciencia, tanto na xente nova como no gran público”.
Durante a pasada semana, os proxectos finalistas exhibíronse en formato online, e a entrega de premios celebrouse este pasado sábado.
Ciencia inclusiva
O programa do CITIC Talentos Inclusivos alcanzou un importante impacto nos seus catro anos de traxectoria. Ata a data, desenvolveu máis de 40 solucións tecnolóxicas deseñadas especificamente para mellorar a calidade de vida de persoas con discapacidade, promovendo así un enfoque de ciencia inclusiva e ao servizo da comunidade. Na súa última edición, Talentos Inclusivos contou coa participación de 15 colexios de Galicia, involucrando a máis de 500 estudantes e 50 persoas con discapacidade.
Para o CITIC, o recoñecemento en Ciencia e Valores supón “un novo impulso para Talentos Inclusivos, que seguirá traballando no desenvolvemento de proxectos innovadores e accesíbeis, contribuíndo así a unha sociedade máis inclusiva e sensibilizada cara ás necesidades de todas as persoas”.