O reto do #cubohELAdo provoca millóns de euros en doazóns nos EE.UU.

venres, 22 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Bill Gates vendo como Mark Zuckerberg o nomea para superar o reto do caldeiro de auga xeada

Nos últimos días demos conta do fenómeno que estaba a xurdir nos EE.UU. do desafío do caldeiro de auga xeada para recadar fondos para a loita contra a ELA, pois chegou a figuras relevante do sector tecnolóxico norteamericano, así como a moitas figuras populares da industria do lecer, e o que podería parecer unha iniciativa pouco produtiva resulta si estar a recoller bos froitos, anunciando a ALS Association que recibiron 31,5 millóns de dólares en doazóns durante os días 29 de xullo e 20 de agosto, cando no mesmo período do ano pasado só recibiran 1,9 millóns de dólares. Amais, a iniciativa captou a 637.527 doadores para a Asociación que asiste ás persoas con ELA e ás súas familias, así como como a un programa de investigación para atopar unha posible cura para esta doenza.

Gates superando o reto

Os datos aínda son máis rechamantes se atendemos ao feito de que só o pasado martes xa recibiron doazóns por valor de 8,6 millóns de dólares, demostrando que nos EE.UU. boa parte das celebridades que aceptan o desafío do caldeiro de auga xeada tamén realizan doazóns, detalle que parecen obviar, recoñecendo dende a Asociación Española de ELA que apenas recibiron un milleiro de euros en doazóns nestas datas, e que ningunha das achegas correspondían a famosos que saíron nos medios participando do reto do #cubohELAdo. Lembran así que para contribuír coa súa causa aceptan doazóns na súa conta bancaria, mensaxe que finalmente parece estar a callar entre a cidadanía, xa que nas últimas horas é habitual ver imaxes de xente que, en vez de gravarse aceptando o reto, amosa comprobantes de doazóns.


Bill Gates superando o ALS Ice Bucket Challenge

PUBLICIDADE