O robot cortacéspede da galega Smarttek, mellor produto do ano

martes, 2 de xuño do 2015 Fernando Sarasketa

A empresa galega Smarttek vén de obter un importante recoñecemento grazas a un trebello tecnolóxico de seu, o robot cortacéspede Smartbot que tivemos a oportunidade de coñecer e amosar en detalle o pasado mes de marzo, salientando as súas avanzadas funcionalidades e a incorporación de tecnoloxía Wi-Fi que permite programalo e controlalo sen que se preciso tocar o panel de control (só empregando o noso dispositivo intelixente ou tableta).
Pois ben, segundo nos contan dende Smarttek, o Smartbot foi obxecto do Premio Cantábrico Excelente ao Mellor Produto do Ano. Con este galardón, quíxose salientar a ampla marxe de funcionalidade do robot intelixente, un desenvolvemento que tamén destaca polo seu carácter innovador e pioneiro e polo seu potencial de resistencia (é que aturar as condicións climáticas máis duras, curta herba en superficies de até 2.600 metros cadrados, traballa en pendentes de até o 58% e ademais consume pouca enerxía).
Por outra banda, o Smartbot emite pouco son, a diferenza da meirande parte dos aparellos dispoñíbeis no mercado destas características, ao que cómpre engadir a inclusión de sensores para evitar os atrancos que se lle poñan no camiño e dun compás electrónico para subir pendentes. Ademais, permite que programemos vía software as áreas que queremos que traballe.
Segundo nos contan dende Smarttek, o premio entregarase nunha gala o vindeiro 26 de xuño no Hotel da Reconquista de Oviedo. Ao evento acudirán destacados persoeiros do tecido empresarial, económico, social e cultural do arco cantábrico. A primeira edición destes Premios Cantábrico Excelente (a que agora se vén de resolver) convocouse co obxectivo de recoñecer e pór en valor o talento de empresas, entidades e persoeiros de toda a beira cantábrica. A empresa organizadora do certame é Suplementos Monográficos.
Smarttek, como lembraremos, é unha empresa galega adicada ao deseño, fabricación e distribución de dispositivos conectados intelixentes. Amais de polo compoñente intelixente, os aparellos desenvolvidos pola firma galega salientan polos factores sustentabilidade e respecto polo medio. Amais do robot cortacéspede Smartbot, a empresa desenvolveu tamén outros dous produtos, en concreto o Smartbot Hobot para a limpeza de cristais e o robot aspirador Matilda

PUBLICIDADE