O sábado 28 celébrase en Pontevedra o primeiro Wikimaratón do Audiovisual

martes, 24 de novembro do 2015 Redacción

Exterior da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedr

O vindeiro sábado día 28 de novembro vaise celebrar en Pontevedra o primeiro Wikimaratón do Audiovisual. A cita, promovida pola Academia Galega do Audiovisual e a Galipedia, achégase cun obradoiro de introdución á edición da Wikipedia e, tamén, de traballo para mellorar artigos ligados ao audiovisual. Segundo informa a organización, a xornada está aberta a todos os interesados en iniciarse na colaboración co proxecto da wikipedia galega, a Galipedia, e será “unha boa oportunidade” para achegármonos a este acubillo de coñecemento da man de varios dos seus administradores.
Segundo engaden os responsábeis da Academia Galega do Audiovisual e máis da Galipedia, “un wikimaratón é unha reunión (presencial e virtual) convocada para editar e mellorar colectivamente os contidos da Wikipedia sobre un tema ou unha serie de artigos relacionados con ela”. Decote, apuntan, adoitan estar promovidos por unha institución educativa ou cultural -neste caso a Academia Galega do Audiovisual- e buscan ademais visualizar a comunidade da dita enciclopedia en liña, favorecer o contacto entre os seus membros e facilitar a incorporación a ela de novas persoas. “Por iso é frecuente que incorporen unha sesión introdutoria á edición básica, así como actividades divulgativas”, engaden os organizadores.
Esta actividade terá lugar o 28 de novembro de 2015 na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, situada no Campus da Xunqueira. Comezará ás 10:00 e vaise desenvolver durante toda a mañá. Para poder tirarlle todo o partido ao Wikimaratón o ideal é asistir de maneira presencial. “Así”, explican os organizadores, “amais de editar, é posíbel coñecer a outros wikipedistas, intercambiar experiencias e dar visibilidade ao proxecto”.
Programa de actividades
10:00-10:30 Benvida e presentación da xornada.
10:30-11:00 Que é a Galipedia? Filosofía, principios, organización, comunidade.
11:00-11:30 Como se edita a Galipedia? Introdución á edición co Editor visual.
11:30-11:50 Pausa para o café.
11:50-12:00 Repaso de obxectivos de edición e distribución de tarefas.
12:00-13:45 Edición dos artigos.
13:45-14:00 Revisión do traballo realizado e planificación do traballo restante.

PUBLICIDADE