O salón MIT de Lugo certificou a calidade da innovación tecnolóxica galega

luns, 22 de outubro do 2007 Fernando Sarasketa

A segunda Mostra de Innovación Tecnolóxica de Lugo (MIT) que se celebrou este sábado 20 en Lugo foi –ante todo- un xeito de reivindicar a todas esas empresas TIC da nosa terra que se están a abrir camiño no mercado co seguinte material de campaña: innovación, creatividade e ausencia case total de medo a competir. E todo iso malia ter algunha que outra cousa na súa contra, atrancos que semellan no vieiro de volverse do revés, converterse en equipamento extra. Por exemplo: que ninguén se estrañe se do feito de vivir na periferia de Europa e da Península o sector galego tira finalmente bo proveito, ou se obtén riqueza e emprego do software non propietario.
En MIT quedou claro que as expectativas son boas. Se cadra, non serviu para atraer multitudes, pero si que foi unha boa oportunidade para facer no real o que todos levamos anos facendo na Rede: engadir ligazóns ó noso espazo. O salón foi organizado pola Sala de Innovación Tecnolóxica Empresarial (SITE) da Fundación CEL, e desenvolveuse no Pazo de Feiras de Lugo, en horario ininterrompido de 11.00 a 21.00 horas.
A feira, que se desenvolveu nun escenario habilitado con máis de 20 stands ocupados por outras tantas iniciativas empresariais, incluíu todo de tipo de relatorios e obradoiros sobre as vantaxes que achegan as novas tecnoloxías da información ós negocios, sobre todo no eido da mellora na calidade da xestión, das vendas e da publicidade. Esta era precisamente a gran mensaxe desta convocatoria de MIT: amosarlle ó empresariado que as novas ferramentas son máis combustible que atranco, facendo especial incidencia no que pode representar para o comercio galego. Deste xeito, MIT foi collendo corpo coma un espazo de busca de “amizade” a través de afinidades, poñendo baixo un mesmo teito a dous sectores con causa común e opcións de axuda mutua: o das pequenas e medianas empresas tecnolóxicas e o das pequenas e medianas empresas da economía tradicional.
Esta vontade de achegar mundos quedou clara dende a mesma porta da feira, onde o bus da Sociedade da Información (o BUSSI de AGESTIC) ficou durante toda a xornada de portas abertas albergando actividades divulgativas sobre Internet e deixando manifesto que as autoestradas de asfalto poden ser (quen o ía dicir) porta de acceso para as outras: as do coñecemento. Este cometido do BUSSI foi compartindo a diferentes niveis e con distintos métodos por todas as empresas que participaron no salón, unha boa parte delas postas en marcha ó acubillo da propia Sala de Innovación Tecnolóxica Empresarial.
Métodos en liña de gañar en competitividade
En Código puidemos falar por exemplo cos responsables da firma Cibervision Networks (CVN), empresa con sede en Pontevedra e en certa maneira paradigma do que podería ser o factor innovación tecnolóxica galega, en caso de estar rexistrado ou catalogado, un factor que en boa medida tería que consistir nisto: en adiantármonos a todo o tecido TIC mundial coas nosas ideas ou desenvolvementos. Algo (ou moito) diso hai na proposta Centro Comercial Urbano que presentou CVN no MIT e que ten unha raíz ben sinxela, consistindo basicamente en trasladar ó eido en liña os elementos dun modelo clásico de complexo comercial, pero engadindo o ingrediente clave: as vantaxes que achegan as novas tecnoloxías e Internet. A ferramenta, especialmente dirixida a achegar vieiros de competitividade a pequenas e medianas empresas, é (segundo apuntou CVN) pioneira a nivel mundial. Amais disto, está desenvolvida ó 100% en Pontevedra e xa a podemos ver aplicada a un caso real en www.mercamarin.com, que é un espazo web que aglutina o comercio desta localidade pontevedresa e dálle azos fronte ás grandes cadeas, cada vez máis presentes nas nosas vilas e cidades. A solución, que é de balde para calquera asociación ou colectivo durante o primeiro ano, está (segundo informou a Código Cero o equipo responsable) a espertar o interese da Federación Galega de Comercio e tamén da Confederación de Empresarios de Lugo. A idea do portal é a seguinte: ofrecer na Rede o mesmo ca un centro comercial pero coa comodidade de ver e procurar todo tipo de produtos e mesmo de mercalos a distancia, dende calquera recanto do mundo. Cómpre sinalar que ó Centro Comercial Urbano non só se podería acceder a través da Rede, senón que tamén integra tenda virtual para dispositivos móbiles como PDAs.
Outra das empresas coas que tivemos oportunidade de falar en MIT foi Achegatec, que é unha firma con sede na mesma Fundación CEL de Lugo e que está a centrar a súa capacidade de innovación en aquilo que pode integrar e conectar dous mundos que até o de agora non acababan de atopar a canle de unión máis axeitada. Falamos dun nexo que integraría ós TPV (Terminais de Puntos de Venda) cunha infraestrutura de cámaras de vixilancia nunha empresa calquera. Ou sexa, que do que se trata é de empregar as novas tecnoloxías para controlar as operacións comerciais de toda índole nos establecementos, facendo que a cámara fite naquilo que máis relevancia ten en virtude do que se está a cobrar ou ticar. Isto último viría sinalado directamente polo manexo da TPV.
O sistema, que permite ver imaxes en tempo real e tamén gravadas, achegaría polo tanto un método de estar virtualmente no local pero sen estar alí fisicamente.
Software libre para pequenas e medianas empresas
Para quen quixo escoitalas, en MIT tamén se achegaron respostas sobre o problema de que facer nunha empresa de calquera actividade cando esta non é quen de asumir certos investimentos en software propietario para a súa xestión ou ben cando quere reducir gastos e considera que prescindir do pago das licenzas por ese tipo de programas pode ser un bo xeito de comezar. A este respecto, firmas galegas como SCA ou Ítaca tiveron perante súa a oportunidade de ofrecer réplicas, presentando os seus produtos e incidindo en tódalas vantaxes que o software libre pode ter para o día a día de calquera negocio galego, vantaxes de ida e volta, posto que (sinalaron) todo aquel que aposte por facerse con tecnoloxía de aquí, estará a contribuír á boa marcha desa dita tecnoloxía, das firmas galegas responsables dela e, en última instancia, do seu propio negocio.
A idea básica destas iniciativas de código aberto empresarial é ben indisoluble da enumeración das súas vantaxes:
· Racionalízanse os recursos xa existentes na empresa, tirándolle partido ó teoricamente obsoleto.
· Crébase a dependencia coas firmas provedoras de material informático.
· Meirande seguridade e fiabilidade. Segundo sinalou Ítaca, calquera tipo de problema que poida xurdir no software libre soluciónase antes de que pasen 24 horas.
· Respaldo da comunidade mundial de desenvolvedores e usuarios de programas de código aberto.
· Non é preciso o pago de licenzas.

PUBLICIDADE