O sector TIC confírmase no I foro NACCE como estratéxico para a saída da crise

venres, 14 de setembro do 2012 Raquel Noya

José María López Bourio, presidente de Agestic, socio tecnolóxico de Nacce

O I foro NACCE de Internacionalización de Empresas TIC, celebrado onte en Vigo, reuniu a un cento de persoas emprendedoras e do mundo empresarial de Galicia e o Norte de Portugal, que puideron comprobar, de primeira man, o potencial latente das empresas tecnolóxicas que hai na zona, para, segundo afirma a organización, “encarar a actual situación económica a través da internacionalización dos seus produtos e servizos”.
Os e as profesionais TIC que participaron neste Foro comprobaron, asemade, a utilidade de seguir estratexias e de traballar en equipo, sobre todo de cara á internacionalización, é dicir, cando a intención é levar a idea de negocio ou empresa alén dos nosos lindes.
A cita contou coa colaboración do profesional especializado Víctor Navarro, experto en Dirección de Comercio Internacional en Global eManagement; do vicepresidente da Fundación Innovapyme Galicia, José Ramón País Curto; do CEO e cofundador de Quobis, Elías Pérez Carrera, e do fundador e CEO de Competinov, Alexandre Campos, entre outros profesionais, os cales se mostraron de acordo na “oportunidade que supón poñer as miras en América Latina”, onde as barreiras culturais e idiomáticas son mínimas, e onde o avantaxado mercado europeo ten unha base sólida dabondo como para emprender con éxito.
Estes especialistas tamén coincidiron en apuntar que a transversalidade do sector TIC e a súa facilidade de adaptación ao cambio “vai ser a clave para liderar a saída da crise”, apuntaron, baseándose para esta afirmación nos datos achegados por Eurostat, que reflicten que o colectivo das enxeñarías informáticas ten unha taxa de paro dun 7,65%, fronte á media estatal situada no 26,6%.
O éxito deste I Foro NACCE radicou, principalmente, en que as persoas asistentes puideron resolver as súas dúbidas e recibir asesoramento sobre tódolos aspectos que propuxeron, sobre todo no tocante á posibilidade de internacionalizar os seus negocios e ideas TIC.
Xa que logo, a organización mantén a súa intención de repetir o formato en vindeiras citas, nas que se tratarán polo miúdo as claves da innovación na empresa TIC. Son as que seguen: unha a celebrar en Ourense, o vindeiro 18 de setembro; outra en Pontevedra, o día 20 e unha última en Guimaraes (Portugal), a celebrar o día 27 de setembro.

PUBLICIDADE