O sector das aplicacións podería xerar cinco millóns de empregos no vindeiro lustro

venres, 21 de febreiro do 2014 Fernando Sarasketa

A aplicación galega Imos desenvolvida por GalApps

A cousa está que arde para o negocio das aplicacións. Se hai uns días falabamos dende Código Cero dun estudo de App Annie e IDC que certificaba que a nivel mundial o gasto en descargas de aplicacións móbiles superou xa ao de xogos para consolas portátiles (mesmo no mes de Nadal de 2013-2014, un período que soe representar a máxima bonanza para o eido das consolas e os seus recursos) agora temos que falar dunha investigación presentada esta semana pola Unión Europea na que se agoira para o sector das apps a creación, de aquí a 2018, de até cinco millóns de postos de traballo.
Segundo engade a UE, o tecido empresarial envorcado nas aplicacións móbiles amosa capacidade para xerar, ademais, até 63.000 millóns de euros de negocio. O estudo en cuestión foi presentado pola Administración europea baixo o epígrafe Sizing the EU app economy. Nel tamén se lembra que a día de hoxe este eido de actividade vencellado ás comunicacións móbiles dá traballo a un millón de desenvolvedores no ámbito da Unión, e máis a 800.000 persoas en tarefas de comercialización e soporte. Ademais, supón actualmente 17.500 millóns de euros ao ano para a economía da UE.

PUBLICIDADE