O seminario técnico de Symbios acolleu a presentación de recursos TIC para loitar contra o noso despoboamento

venres, 20 de xuño do 2014 Fernando Sarasketa

Estes días (19 e 20 de xuño) estase a celebrar en Santiago (Museo do Pobo Galego) o segundo seminario técnico do Proxecto Symbios, unha iniciativa de fonda participación galega que ten como obxectivo a aplicación de estratexias (solucións intelixentes, sustentábeis e inclusivas) para inverter o decrecemento demográfico. A finalidade deste segundo seminario é analizar as experiencias que están a dar resposta á inclusión e á calidade de vida en zonas afectadas pola crise demográfica. As xornadas, que foron inauguradas onte pola directora xeral de Familia, Amparo González, diríxense polo tanto a combater o envellecemento da poboación e a baixa taxa de natalidade (cuestións que afectan sobre todo ao noso rural) con coñecemento, participación, colaboración e tecnoloxías.
Ademais da Xunta de Galicia, tamén colaboran no proxecto europeo Symbios e nos seus seminarios outras entidades galegas como o Instituto de Desenvolvemento Económico de Galicia (IDEGA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC); o Instituto Galego de Estatística (IGE); a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER); o colexio de Traballo Social de Galicia; e a rede de centros de desenvolvemento rural (COCEDER). Asemade, forman parte activa do proxecto o Consello Rexional de Carelia do Norte de Finlandia, a Universidade de Tràs-os-Montes e Alto Douro de Portugal, a Universidade Zuyd de Ciencias Aplicadas de Holanda e o University College Cork de Irlanda.
Como dixemos, o obxectivo deste segundo seminario é “analizar diferentes experiencias que están a dar resposta á inclusión e á calidade de vida en zonas afectadas pola crise demográfica”. Trátase pois, sinalan os organizadores, de identificar tendencias comúns e establecer hipóteses de traballo sobre cales son as condicións para o éxito destas iniciativas.
O seminario, malia figurar con dous días de actividade, concentrou case toda ela o día 19. Nesta xornada contou con espazos de participación activa e coa experiencia dos socios internacionais do proxecto Symbios. Proba diso foi a intervención onte xoves pola tarde de Maja Rocak, investigadora da Universidade de Neimed-Cersrt-Zuyd (Holanda); Risto Poutiainen, director de planificación rexional e desenvolvemento de Carelia do Norte (Finlandia); Patrick O´Flanagan, University College Cork (Irlanda). Tamén interveu Carlos Ferrás, experto da Universidade de Santiago, amosando as múltiples vantaxes e potencialidades de granxafamiliar.com.
Unha das entidades que achega o seu apoio ao proxecto e que interveu activamente no seminario foi a organización sen arela de lucro COCEDER. Entre as encargadas de amosar a actividade da entidade estivo Tamara Balboa García, coordinadora no Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas de Vilardevós, Ourense, que á hora de fixar os alicerces para futuras iniciativas de colaboración arredor do desenvolvemento local, salientou a necesidade de obter coñecemento específico e miúdo de cada poboación. Ao seu xuízo, cada poboación ten as súas características e, por tanto, tódolos proxectos deben adecuarse ás situacións e valores daquelas. Do mesmo xeito, sinalou, “ninguén mellor para coñecer o envellecemento, o despoboamento ou as necesidades básicas para cada zona rural, que os técnicos que día tras día conviven cos habitantes dos núcleos rurais”. Precisamente foron estes profesionais os que achegaron o miolo do seminario técnico, dando a coñecer cadanseus proxectos: os responsábeis do Proxecto ASAS (Aldeas Sustentábeis Activas) da Universidade de Tràs-os-Montes, ou os impulsores do proxecto Granxa Familiar (unha iniciativa apoiada pola USC para fomentar a actividade económica das explotacións agrogandeiras familiares do noso rural a través da Internet e as redes sociais), pasando polos responsábeis de Arqueixal-Son de Aldea, a Rede de Escolas Na Nube do CESGA e Balidea (iniciativa para xuntar esforzos nas escolas do rural e tirar partido da innovación), ou ITI Peneda-Gêres, entre outras iniciativas, “todas elas levadas a cabo en zonas castigadas dende o punto de vista demográfico en España, Portugal, Holanda, Irlanda e Finlandia”, sinalou COCEDER.

PUBLICIDADE