O servizo 010 de Lugo duplica comunicacións dixitais

martes, 10 de xaneiro do 2017 Redacción

O Concello de Lugo vén de facer o seu habitual reconto de actividade en relación ao seu Servizo de Información 010, un exame e valoración que nos serve (entre outras cousas) para pór de manifesto o crecente emprego das novas tecnoloxías da información como canle da comunicación da cidadanía coas súas institucións máis próximas. Neste caso concreto, a cidadanía de Lugo. Segundo explica o Goberno local nun plano máis detallado, o servizo devandito leva máis de 945.000 consultas atendidas dende que entrou en funcionamento no ano 2005, entre chamadas telefónicas e correos electrónicos. No 2015 recibíronse preto de 57.000 chamadas e máis de 2.100 correos electrónicos, mentres que no 2016 foron case 70.500 chamadas e preto de 4.700 correos electrónicos, entre outros a solicitude do servizo de intérprete de linguaxe de signos para persoas xordas.
A canle de información 010 está a día de hoxe integrada por 4 teleoperadoras. Dende este servizo xestiónanse cousas como avisos de atoamentos de sumidoiros, avarías no subministro de augas, limpeza nas rúas ou “calquera tipo de incidencia no funcionamento do servizo público”. A través deste número tamén se informa das actividades “extramunicipais” realizadas por entidades colaboradoras do Concello, obras de teatro, números de teléfono ou información turística, entre outras.
O Goberno local de Lugo tamén que lembra que o 010 fornece información por outros medios, como a mensaxeiría ou as redes sociais. Na actualidade, esta plataforma conta con dous servizos de mensaxeiría de balde, chegando a 2.000 persoas inscritas nos mensaxes de texto a través do teléfono móbil, e 3.500 inscritos no correo electrónico. En canto ás redes sociais, o 010 está presente en Facebook, Twitter e Youtube, contando nestes momentos con máis de 2.500 seareiros, logrando 20.780 visualizacións o seu perfil de Facebook no pasado mes de decembro.

PUBLICIDADE