O software Owncloud xa ten versión galega

mércores, 30 de outubro do 2013 Redacción

O sistema Owncloud é unha solución autónoma e de software libre para a nube persoal ou para un grupo de persoas que precisen compartir ficheiros de calquera tipo. Emporiso, anuncian dende a web de Trasno que o dito software vén de ser traducido ao galego na súa nova versión 0.6, que se atopa en desenvolvemento. Dicir que o responsábel desta tradución foi Miguel Bouzada, tradutor e co líder do equipo de tradución, composto por varios membros de Trasno así como outros tradutores voluntarios atraidos pola utilidade deste software, no que levan traballando silandeiramente desde hai varios meses e coordinados a través do sistema de tradución en liña Transifex.
E indo ao miolo desta nova, estamos perante unha edición colaborativa e en galego. Así, esta función intégrase nunha aplicación chamada Documentos ownCloud e será parte do ownCloud 6. A xente poderá ver e editar os seus documentos de texto ODF directamente no navegador, dentro do seu ownCloud. Amais diso, poderá convidar aos usuarios da mesma ownCloud para traballar conxuntamente no mesmo documento ou mesmo enviar ligazóns de convite por correo-e ás persoas fóra do servidor para colaborar no documento en cuestión.
A nova versión do sistema Owncloud trae importantes novidades, segundo apunta o propio responsábel do seu desenvolvemento, Frank Karlitschek, quen subliña que todo o proceso aconteceu nun repositorio público en GitHub. Como xa sinalamos, varias persoas poden navegar ao mesmo tempo no mesmo documento con diferentes cursores, coa opción de ver os cambios que se realizan polos diferentes usuarios en diferentes cores. Cada usuario é identificado polo nome e pola imaxe avatar introducida en ownCloud 6. A parte do navegador baséase en WebODF cunha nova infraestrutura ownCloud para cargar, gardar e compartir documentos e un sistema para distribuír os cambios deste documento.
Para máis información arredor do ownCloud 6 cómpre visitar a web habilitada. Engadir que documentos ownCloud é parte da Beta 1 do ownCloud 6 e pódese descargar como ficheiro .zip (ownCloud 6 beta 1).

PUBLICIDADE