O stick HDMI con Firefox OS cancélase por problemas co DRM

martes, 4 de agosto do 2015 Marcus Fernández

O ano pasado emerxeu en Kickstarter un dispositivo que prometía ser unha alternativa aberta ao Chromecast, que aproveitaría a tecnoloxía de Firefox para funcionar, e que conseguiu trunfar xuntando non só máis dos 100.000 dólares que buscaba, senón que superou os 470 mil; pero finalmente a historia do MatchStick non remata ben, e os seus responsables veñen de informar de que devolverán os cartos aos seus patrocinadores.
O problema non era que os cartos non puidesen permitir a fabricación dos dispositivos, senón que atoparon un importante atranco no seu camiño: tiñan que desenvolver un sistema de DRM (para poder respectar os dereitos de propiedade intelectual) baseado en Firefox OS, e aínda non teñen previsión sobre cando poderán ter tal tecnoloxía lista, polo que decidiron cancelar o proxecto do seu stick HDMI e devolver os cartos a todos os que amosaran interese en facerse co produto.
Aínda que hai quen critica que o produto fose a integrar un sistema de DRM, cómpre destacar que é unha esixencia para moitos servizos premium, ou sexa, que para poder facer o produto compatible con, por exemplo, Netflix, sería necesario contar con algún sistema de DRM, de xeito que podemos velo como unha prestación imprescindible, xa que se o trebello non funcionase coa servizos de vídeo baixo demanda máis populares perdería a súa utilidade para a meirande parte de consumidores.

PUBLICIDADE