O uso pleno da rede de fibra de Telefónica polos seus competidores podería adiarse até 2018

xoves, 4 de agosto do 2016 Marcus Fernández

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia vén de dar conta da apertura da Consulta Pública NEBA Local, ou sexa, unha consulta pública sobre o procedemento relativo á aprobación da oferta de referencia do servizo maiorista de Novo servizo Ethernet de Banda Ancha (NEBA) local que manterase aberto durante 2 meses, o que supón que os trámites para a regulación que permitirá que os competidores de Telefónica teñan acceso á fibra óptica da compañía en zonas nas que non haxa suficiente competencia (que no caso de Galicia só deixaría fóra a cidade de Vigo).
A Comisión só quere establecer obrigas a Telefónica onde considera que non hai competencia dabondo, pero o feito de que a consulta pública aínda comece agora fará que tarde bastante en entrar en vigor a normativa que terá que notificarse á Comisión Europea e aprobarse pola CNMC, para despois desenvolverse nuns 12 meses, de xeito que podería non entrar en vigor até 2018, período no que Movistar manterá unha posición privilexiada no sector da fibra óptica, situación que en boa medida está a propiciar o espallamento das redes de fibra óptica en España.
Queda agora por ver se esta demora administrativa vai afogar aos operadores máis cativos, por non poder competir cos grandes ou, pola contra, instarán a unha aceleración da implantación das redes de fibra óptica alternativas a Telefónica, o que podería beneficiar enormemente aos consumidores, por favorecer unha competencia real e non forzada polos reguladores.

PUBLICIDADE