O uso seguro da Internet nos máis pequenos será a temática da 2ª edición de Rapaciñ@s

martes, 10 de maio do 2016 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), anuncia a segunda edición de Rapaciñ@s: a tecnoloxía ben segura, un encontro que terá lugar na Cidade da Cultura o vindeiro 14 de maio. En Rapaciñ@s atoparanse actividades para pais e nenos cun eixo común: a seguridade na Internet e a creatividade nas novas tecnoloxías. A xornada, que se desenvolverá no Edificio CINC, dará comezo ás 17 horas cos obradoiros de Minecraft, Scratch e robótica educativa, encamiñados a nenos e nenas de 8 a 14 anos. Arredor dun cento de rapaces poderán participar nestas actividades ao longo da tarde. Para facelo cómpre inscribirse a través da web específica habilitada e levar un computador portátil.
E indo ao miolo do programa: serán 3 obradoiros de Minecraft os que se desenvolverán (45 minutos de duración e 10 prazas cada un deles); dous de scratch (30 minutos e 10 prazas cada un); e catro de robótica educativa (30 minutos e 6 prazas). Engadir que estas actividades serán dirixidas pola empresa Tech Academy. Pola súa banda, a empresa Arkitas Robótica realizará un obradoiro de robótica educativa de dúas horas de duración e 20 prazas.
En canto aos maiores, os pais e nais terán a oportunidade de asistir á charla Internet non é doutro mundo: acompañando aos nosos rapaces na nova contorna dixital, a cargo de Dolors Reig, psicóloga social, conferenciante, consultora e profesora en distintas universidades. O relatorio comezará ás 17.30 horas.
A xeito de novidade, nesta 2ª edición de Rapaciñ@s, convocarase un concurso de programación para centros de ensino co Día das Letras Galegas como temática. Así, os centros de ensino poderán participar a través do dito concurso de programación mediante grupos mixtos de alumnos de 10 a 14 anos, dirixidos por un docente. Neste concurso deberán desenvolver unha historia en formato story telling sobre o Día das Letras Galegas empregando a ferramenta scratch. O prazo de inscrición xa está aberto no enderezo info@cpeig.gal e remata o 12 de maio ás 23 horas.
O proxecto gañador será seleccionado por un xurado composto por representantes do CPEIG e da AMTEGA, os seus creadores recollerán o galardón, un equipo de robótica, ao peche da xornada de Rapaciñ@s, o día 14 de maio.
Para máis información é preciso ver o programa de Rapaciñ@s.

PUBLICIDADE