O videoxogo Toro xera polémica e bo número de detractores
venres, 23 de xaneiro do 2015
Facer un videoxogo sobre
touradas, fose antitaurino ou non, ía traer polémica. E
polémica é o que está a traer, xa antes da súa chegada ao
mercado, o
videoxogo Toro, un produto que vén da man do estudo
español Reco Technology e que ten entre os seus principais bazas (ou
eivas, depende de quen o vexa) o feito de poñérmonos na pel dun
toureiro que debe protagonizar unha serie de corridas e, polo tanto,
emular a un destro real co obxectivo de obter meirandes puntuacións.
En definitiva, debe matar animais porque si e, como acontece nas
prazas non virtuais, do peor xeito posíbel: gabándose diso dende a
area e cos parabéns do público e das amplas contornas sociais e
políticas que defenden, aínda a día de hoxe, unha práctica tan
aberrante.
O xogo, como era de
agardar, xa ten inimigos e podemos velos xuntando forzas na plataforma de ciberactivismo Change.org, solicitando que non
se poña á venda entre outras cousas polas dubidosas leccións que
fornece aos usuarios das consolas, boa parte dos cales son nenos ou
adolescentes. Piden tamén que non se contribúa aínda máis “á
barbarie e aos malos tratos aos animais co lanzamento deste
videoxogo”. Segundo engaden, “o produto é unha tentativa máis
de normalizar un acto que por natureza é abusivo e supón glorificar
os malos tratos animais". A reclamación (que este venres tiña
case 35.000 asinantes) diríxese
polo de agora a Microsoft (Xbox), pero o certo que é o videoxogo
tamén estará dispoñíbel para outras plataformas, como PlayStation
4 e PC.
Trailer do xogo